O Concello de Narón estreará o sábado unha Escola de motociclismo en San Xiao

Instante da presentación – Concello de Narón

O edil de Deportes de Narón, Román Romero, avanzou esta mañá en rolda de prensa a inminente posta en marcha da Escola Lorenzo Narón, de formación de pilotos de motociclismo na parroquia de San Xiao, dirixida a persoas de todas as idades a partir de dous anos. O concelleiro estivo acompañado no acto polo director da Escola Lorenzo Pontevedra, Eduardo Torres; Ángel Barros, da Escola Lorenzo Coruña, e José López Quintián, do Moto Club Fojeteiros, de Narón. A presentación oficial da Escola Lorenzo Narón terá lugar este sábado, día 8, ás 12.00 horas, no local social de San Xiao. O pai do recoñecido piloto de motociclismo Jorge Lorenzo, Chicho Lorenzo, desprazarase a Narón para presentar o método que se segue nestas Escolas, abertas en diferentes comunidades de España e tamén noutros países. Tamén se encargará de impartir unha conferencia este venres, día 7, e o sábado 8, ás 20.00 horas no local social de San Xiao –de balde- sobre seguridade e na que se darán a coñecer os últimos avances sobre pilotaxe e motociclismo deportivo.

Entre as 10.00 e as 12.00 horas deste sábado, persoal das citadas Escolas traballará con pilotos de entre 4 e 9 anos procedentes de Coímbra (Portugal), Pontevedra e Zamora na pista deportiva de San Xiao -os menores estarán tamén pola tarde no circuíto de radiocontrol de Río do Pozo-. A partir das 12.00 horas Chicho Lorenzo presentará oficialmente a Escola Lorenzo Narón, que iniciará a súa andaina este mesmo día en San Xiao. Inicialmente a previsión é que a Escola de Narón estea operativa os martes e xoves de 17.30 a 20.30 horas e os sábados de 10.00 a 14.00 horas. Pero eses horarios, tal e como subliñou Torres, poden sufrir variacións no caso de que o calendario de competicións e eventos así o requira. As persoas que se desplacen este sábado a San Xiao poderán recibir a información precisa sobre cómo anotarse e as tarifas establecidas. Polo momento a Escola Lorenzo conta xa cun piloto naronés, Edgar Silvent, de seis anos –fillo de David Silvent, director da Escola Lorenzo Coruña- aínda que outros rapaces da zona xa amosaron o seu interese por formar parte da mesma.

Nas xornadas do sábado e do domingo, entre as 16.00 e as 20.00 horas, haberá cursos de técnicas de pilotaxe e condución deportiva, impartidos tamén por Chicho Lorenzo. Esta iniciativa destínase a pilotos adultos, para os que está confirmada a asistencia de profesionais do motociclismo de Coímbra, de Pontevedra, e tamén do Moto Club Fojeteiros. As persoas interesadas en anotarse poden aínda facelo ou recibir máis información ao respecto a través dos números de teléfono 607 404 753 e 608 458 118, recomendándose inscribirse previamente.

Eduardo Torres explicou que “comezamos a traballar con nenos e nenas a partir de dous anos, en bicicleta, e desde os catro xa collen as minimotos”. O director da Escola Lorenzo Pontevedra destacou o método de traballo que seguen estas Escolas nas que, apuntou, “abordamos tamén temas de educación física, concentración, ioga, psicoloxía deportiva e fracasos tras unha carreira, entre outros”. Torres e Barros agradeceron a colaboración prestada “desde o primeiro momento” tanto polo Concello de Narón como polo Moto Club Fojeteiros. En representación deste último, Quintián destacou a importancia da educación en valores entre as persoas que forman parte deste tipo de Escolas “porque lles inculcan uns ideais que lles serán moi útiles no seu día a día”.

Pola súa parte, o edil de Deportes valorou o feito de que o equipo de Lorenzo tivese en conta a Narón á hora de establecer na cidade unha das súas Escolas e agradeceu tamén a colaboración do Moto Club Fojeteiros. “É moi importante crear afición e ofrecer á veciñanza novas posibilidades formativas no ámbito do deporte, algo polo que sen dúbida apostamos desde o goberno local naronés”, subliñou Romero. O edil animou ás persoas interesadas no motociclismo a acudir aos eventos programados en San Xiao esta fin de semana con motivo da presentación da Escola Lorenzo Narón.

Lea también

Manuel Permuy obtiene muy buenos resultados en el AJP World Tour

  El pasado fin de semana se celebraron en la ciudad de Estambul (Turquía) dos …