O Mesón O Forno vence no VIII Tetramaratón de San Sadurniño

O equipo do Mesón O Forno co trofeo – Concello de San Sadurniño

13 equipos, 11 de San Sadurniño e 2 da Capela, participaron desde pola mañá e ata ben entrada a tarde na oitava edición do tetramaratón de San Sadurniño, un evento no que se pon a proba a regulariedade xogando ao volei, ao baloncesto, ao fútbol sala e ao hóckey. A final disputárona o Mesón O Forno e Los Charlis, dúas formacións clásicas xa da competición que protagonizaron o desenlace máis longo e apaixoante que se lembra. A victoria foi para os primeiros.

A cousa foi tan igualada que se superaron todas as marcas en canto a duración do tetramaratón. Sempre foi unha constante finalizar a iso das catro da tarde, pero neste caso eran as cinco e aínda se andaba a voltas coas finais.

O primeiro encontro xogouse a volei e rematou con empate a un set para cada escuadra. O segundo a baloncesto cun marcador favorable para Los Charlis. O terceiro deporte da rolda final foi o fútbol sala, con victoria neste caso para o Mesón O Forno. Por último xogouse ao hóckey e o tanteo vou veu ser parello.

Resultado final: empate a victorias. Porén, coma naquela película dos 80, só podía quedar un e o vencedor decidiuse a tiros libres de baloncesto. E, chámese habilidade, chámese práctica, chámese potra, quen aguantou máis sen fallar foi o Mesón O Forno e, polo tanto, foi quen levou o trofeo e o cheque de 50€ por compoñente en material deportivo. Para os segundos -Los Charlis- 25€ por barba canxeables en Deportes Sanesteban e tamén un trofeo.

Desta maneira o Mesón O Forno sacou a espiña do ano pasado, cando foi eliminado en semifinais por Los Charlis que, á postre, vencerían na final.

Alén do papel representado por estes dous equipos tamén cómpre destacar o meritorio resultado do Avenida e a de Mi Perro Tose, formado por xente máis cercana á corentena que á trintena. Tamén se debe mencionar este ano a elevada participación feminina, cun equipo mixto con tres mulleres en pista case constantemente e outro formado por rapazas na súa totalidade.

A clave, a regulariedade

Para ganar o tetramaratón o que hai que facer, loxicamente, é ganar o maior número de encontros posibles. Algo que non é doado cando se xoga a disciplinas tan distintas como o fútbol sala, o volei, o hóckey e o baloncesto. Ser bo a todas é case imposible e por iso nos días previos ao evento hai moita enxeñería deportiva para formar os equipos buscando elementos que destaquen nalgunha disciplina e que se defendan máis ou menos ben nas outras. Ese é un dos motivos de que en case todos os equipos haxa xente do volei e xente do fútbol. Tamén é esa, se cadra, unha das razóns de que os equipos visitantes –dous nesta edición– caian habitualmente por tanteos avultados nos encontros de voleibol.

En calquera caso, vai aló o VIII Tetramaratón de San Sadurniño despois de oito horas de deporte ininterrompido sen que ninguén se mancase e nun ambiente presidido polo bo humor e a rivalidade sá.

Lea también

O Parrulo Ferrol va de menos a más ante CA Osasuna Magna en Copa del Rey

O Parrulo Ferrol ha transmitido, en líneas generales, buenas sensaciones ante CA Osasuna Magna, a …