San Sadurniño e Moeche finalizan o programa conxunto de limpeza de cunetas

Operarios limpando as cunetas – Concello de San Sadurniño

A finais deste mes de maio darase por concluído o proxecto desenvolvido entre San Sadurniño e Moeche no marco do programa de fomento do emprego no medio rural -APROL Rural- sufragado pola Xunta de Galicia. A iniciativa consistiu na contratación durante medio ano de dous operarios de maquinaria para levar adiante a limpeza en profundidade de cunetas nos dous municipios. Un traballo que ten como obxectivo mellorar a seguridade na rede viaria municipal e ampliar a durabilidade das pistas sobre as que se actuou. Trala finalización do APROL, San Sadurniño iniciará un novo plan de emprego dentro do Programa de Integración Laboral da Deputación da Coruña, para o que se lle pedirá ao Servizo Público de Emprego de Galicia o envío dunha relación de aspirantes en situación de desemprego que cumpran cos requirimentos dos postos ofertados e que se axusten ás bases do programa provincial.

O labor desenvolvido polos dous operarios de maquinaria contratados nos últimos seis meses estivo centrado principalmente no mantemento das pistas municipais, aínda que tamén prestaron apoio puntual nos departamentos de obras tanto de San Sadurniño como de Moeche.

Estes dous concellos concorreron xuntos en 2016 á convocatoria do APROL Rural da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achegou unha axuda de 13.800 euros, o 62% dunha solicitude cifrada en 22.000. Os 8.200 euros que tiveron que poñer os concellos distribuíronse, á súa vez, nun 70% asumido por San Sadurniño e nun 30% por Moeche.

Coa subvención e a parte municipal levouse adiante un proxecto que se ocupou case en exclusiva de limpar as cunetas e de retirar material sedimentado –terra, grava, herba, etc.– e outros restos acumulados nas beiras das estradas municipais.

Os obxectivos deste labor en profundidade foron –e son, xa que o traballo aínda seguirá uns días máis– os de volver deixar á vista a superficie completa dos camiños e evitar que os sedimentos das beiras poidan ocasionar derrapes ou saídas de vía. Porén, a intervención tamén busca aumentar a durabilidade das pistas mellorando o seu sistema de drenaxe.

Segundo o responsable de Obras, Manolo Beceiro, os traballos leváronse a cabo mantendo a proporcionalidade 70-30 entre San Sadurniño e Moeche e “actuando naquelas pistas onde vimos que había máis material acumulado”. O edil lembra que este traballo “é complementario do programa de rozas que desenvolve o Concello ao longo do ano”.

Programa PIL da Deputación

E xusto cando finalice o APROL Rural –a finais deste mes– o Concello tan previsto iniciar un novo plan de emprego, neste caso financiado ao 100% pola Deputación no marco do Programa de Integración Laboral da Deputación.

A administración local preparou un proxecto para a contratación a xornada completa durante seis meses dunha persoa para conducir a maquinaria e os camión municipais –tanto o do servizo de obras como o da recollida do lixo. Outro dos contratos -tamén a xornada completa durante 6 meses– formalizarase para desenvolver tarefas de peonaxe no departamento de obras e servizos. O proxecto recolle unha terceira contratación no servizo de obras pero cunha duración inferior: 5 meses a xornada parcial de 25 horas semanais.

Nos próximos días iniciarase o procedemento de contratación deste persoal temporal solicitando para iso que o Servizo Público de Emprego de Galicia envíe unha relación de aspirantes que cumpran cos requisitos, entre eles estar en situación de desemprego e, tal e como indican as bases da Deputación, cumprir con algunha das denominadas “situacións de exclusión laboral”, como son ter máis de 45 anos, ser muller (por existir un índice de paro rexistrado superior ao dos homes), ter algunha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%, atoparse nunha situación social desfavorable –drogodependencias, desemprego total no núcleo familiar, etc.-, ser parado ou parada de longa duración ou ser vítima da violencia de xénero.

O Programa de Integración Laboral para municipios é unha das liñas do Plan de Emprego Local 2016-2019 da Deputación da Coruña, que ofreceu tamén axudas para o emprendemento e para Pemes. No caso de San Sadurniño a achega é duns 28.000 euros, que cubrirán practicamente a totalidade dos custes dos tres contratos ofertados.

Lea también

Neda mantendrá abierta la inscripción en la escuela infantil hasta cubrir vacantes

El Ayuntamiento de Neda ofrece a las familias la posibilidad de inscribir a nuevo alumnado …