O dispositivo de retirada de pataca volverá pasar por San Sadurniño os días 7 e 8

Carteis da recollida – Concello de San Sadurniño

Dous días non foron suficientes para completar o proceso de retirada de pataca en todo o territorio de San Sadurniño. Case 100 km² de concello dan moito que andar, e máis aínda cando se vai nunha furgoneta parando casa por casa recollendo sacos, pesándoos e entregando un albarán do que se leva. E a iso hai que sumarlle que, de cada pouco, cómpre ir baleirar a carga ao centro urbano e volver ao punto onde se deixou o traballo para continuar con el. Por esta razón -a da falta de tempo- a Xunta ordenou facer unha segunda batida o mércores 7 e mailo xoves 8 de xuño. As condicións son as mesas: hai que terlles as patacas ensacadas nas bolsas oficiais e poñendo coidado en que vaian separadas as da semente, as patacas vellas que sobrasen do ano pasado e as patacas novas recén arrincadas. Por outra banda, mentres se loita contra a couza guatemalteca, en Naraío xa se detectaron os primeiros casos de Drycosmus kuriphilus, coñecida como avespiña do castiñeiro.

A primeira actuación de SEAGA no territorio de San Sadurniño produciuse os pasados 22 e 23 de maio, nos que se visitou a maior parte das parroquias ao norte da estrada de Ortigueira -Santa Mariña, Bardaos, San Sadurniño e tamén case toda Lamas-, deixando pendente a meirande parte de Ferreira, Naraío e Igrexafeita.

Neste sentido foron moitos os veciños e veciñas que chamaron ao Concello nos últimos días preguntando que facer coas patacas, posto que ninguén llelas fora recoller malia telas declaradas oficialmente e gardadas nos sacos da Xunta, que poden recollerse na Casa da Cultura.

Entre as razóns para non dar feito todo en dous días estaría a da extensión de San Sadurniño, pero tamén a de que algunhas das brigadas despregadas por SEAGA «deron moitas voltas ao revés» porque, tal e como indicaba un veciño de Bardaos, «non sabían nin onde estaban».

En calquera caso, a Xunta informou onte ao Concello de que os días 7 e 8 de xuño volverán para rematar o traballo. Recordamos, polo tanto, que se debe facer:

1º Coller na Casa da Cultura ou na Oficina Agraria Comarcal os sacos oficiais da Xunta. Son gratuítos e algo máis pequenos que os comerciais. Son sacos de plástico resistente que impiden a propagación da praga.

2º Encher os sacos oficiais con toda a pataca que teñamos: pataca de semente que non plantáramos, pataca vella que nos sobrase do ano pasado e…

3º…tamén a pataca das plantacións de cedo. Segundo a Xunta somos nós quen temos que arrincar as patacas novas, estean como estean, e botalas nos sacos oficiais. A Xunta non vai arrincárnolas. Non facelo -e coa lei na man- exporanos a recibir unha sanción de Medio Rural. Polo tanto, se non o fixemos xa, é recomendable aproveitar os días que faltan para arrincar as patacas.

4º As patacas hai que gardalas nos sacos separadas por tipos, posto que as axudas son distintas se se trata de pataca da semente, pataca vella ou pataca nova arrincada.

5º Os sacos non deben pecharse. Ha de ser o persoal da Xunta quen os precinte e os pese, entregándonos despois un albarán que certifique os quilos de pataca retirados para podermos cobrar a axuda oficial correspondente. INSISTIMOS: SEAGA non paga as patacas no momento, só nos dá o resgardo de cantas leva para que poidamos cobralas despois pedíndolle unha axuda á Xunta (punto 7º).

6º ¿A como van pagar a pataca?. Os prezos oficiais son: 0,30 €/Kg. a pataca vella que sobrase da colleita do ano pasado, 0,70 €/Kg. a pataca de semente que non puidesemos botar por causa da prohibición e 0,40€/m² de superficie que declarasemos como plantada antes do 5 de marzo. Unha declaración esta última que, segundo a normativa, debeu terse feito antes do 31 de marzo.

7º Para cobrar as compensacións é necesario cubrir un impreso específico da Xunta (o MR465A) e haberá de prazo ata o 30 de setembro para facer a solicitude. Iso si, Medio Rural non aclara canto tardará en resolver as solicitudes nin tampouco -e aí vai algo que se debe ter en conta- se o cobro da indemnización pode ter repercusións con respecto ao IRPF. Isto último é algo que se debe mirar ben e consultalo, non vaia ser que por cobrar 25 quilos de pataca da semente -uns 17,5€- o ano que vén e por termos este ano máis dun pagador teñamos que facer unha declaración da renda que noutras circunstancias non teriamos a obriga de facer.

8º Se os días 7 e 8 de xuño non imos estar na casa por calquera motivo, deberemos contactar co 626.719.200. Ese é o teléfono da Xunta para comunicar calquera incidencia que poida producirse coa recollida.

Desde o Concello, e atendendo á normativa en vigor, prégaselle á veciñanza que lle preste a máxima colaboración aos servizos oficiais de cara a solventar o antes posible un problema que ameaza o futuro da produción doméstica de pataca.

Agora, tamén avespas nos castiñeiros

E mentres andamos a voltas coa loita contra a couza das patacas e contra as velutinas, en Naraío acaban de descubrir os primeiros exemplares de Drycosmus kuriphilus, a avespiña dos castiñeiros. Unha praga procedente de asia que avanza moi rápido.

A avespa reprodúcese perforando os abrochos da árbore poñendo na primavera entre 150 e 200 ovos. A partir dese momento empeza a medrar unha bugalla chea de larvas que lle afecta á floración, ás follas e, en último caso, á función fotosintética da árbore, que mesmo pode chegar a morrer andando o tempo. Porén, o efecto máis palpable é que deixa de producir castañas, algo que noutras zonas de Galicia supón un auténtico desastre económico.

Para loitar contra desta avespa minúscula só cabe a detección precoz revisando as follas e pólas das árbores para ver se presentan as deformidades típicas do seu ataque, moi semellantes a un vulto ou a un figo verde ou rosáceo. Contra delas non hai insecticidas eficaces e semella que o único método de combate que dá resultado é a ceiba masiva doutra avespa tamén cativa, a Torymus sinensis, que actúa como un parasito da Drycosmus kuriphilus.

Se detectamos presenza de avespiña do castiñeiro debemos facerllo saber aos servizos de sanidade vexetal da Xunta para que teñan constancia da súa propagación e tamén para que nos dean recomendacións sobre como actuar ante o problema.

Lea también

San Sadurniño acolle a XXVII edición da Feira da Plantación

O espazo da Cortiña e do paseo fluvial do Xubia volverá acoller durante o domingo …