O Concello de Cabanas elimina 470 raíñas de vespa velutina co trampeo primaveral

Botellas para a vespa velutina – Concello de Cabanas

A campaña contra a vespa velutina promovida nos últimos meses dende a Concellería de Servizos do Concello de Cabanas que dirixe Eva García xa ten os seus primeiros resultados. En total, elimináronse preto de medio millar de raíñas, co que se evitará a presenza no municipio doutras tantas colmeas. Aínda así, a edil é cauta e asegura que haberá que esperar a que remate a temporada estival para comparar cifras respecto ó ano pasado. Así mesmo, confía en que os niños eliminados por Protección Civil e a Casa do Mel de Goente durante o pasado ano, permitindo que non se reproducisen novas raíñas e, por conseguinte novos niños, xunto ó trampeo primaveral levado a cabo polo Concello, redunde nunha diminución do número de niños neste exercicio.

Hai meses, o Concello iniciaba unha campaña contra a vespa velutina. Primeiro, cunha recollida de botellas en colaboración co CEIP Eladia Mariña. Máis tarde, con xuntanzas veciñais para a construción das trampas en base ás botellas recollidas. E, posteriormente, cunha ruta cidadá para a súa colocación. Especialmente, naqueles lugares nos que se deron avisos do 012 alertando da presenza de niños, como a zona da Veiga pola ribeira do río. A partir de aí, e durante os meses de abril, maio e xuño, realizáronse saídas cada 15 días dende a Concellería de Servizos e coa colaboración da bióloga Eva Pico, quen tamén impartiu charlas formativas no CEIP. Continuouse coa colocación de máis trampas, ata acadar as duascentas, e revisouse e cambiouse o líquido nas xa colocadas.

Como resultado, as preto de medio millar de raíñas eliminadas.

Lea también

Un jurado declara no culpable a la mujer acusada de matar a su marido en Monfero

El Tribunal del Jurado ha considerado a la acusada de matar a su marido en …