Chega a San Sadurniño a exposición sobre o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal

Francisco Canosa – Concello de San Sadurniño

Desde hoxe e ata o 17 de xullo pode visitarse na galería do primeiro andar da Casa do Concello a exposición na que se nos conta ata que punto somos unha terra única desde o punto de vista xeolóxico e na que se nos explica polo miúdo en que consiste o denominado «Xeoparque do Cabo Ortegal». Unha figura, a do xeoparque, de relevancia internacional recoñecida pola UNESCO que se quere implantar na zona, principalmente polo que suporía de oportunidade socioeconómica asociada ao coñecemento sen que iso supoña restricións aos usos actuais do chan. Niso andan os municipios desde Ortigueira até San Sadurniño -agás As Somozas-, a Asociación de Amigos do Xeoparque do Cabo Ortegal e o xeólogo Francisco Canosa, principal valedor técnico de todo este movemento arredor das pedras como reclamo dun turismo especializado que funciona con éxito noutras partes do Estado e do mundo.

Canosa falou esta mañá sobre o contido da mostra e tamén do «bum» arredor da xeoloxía que se está vivindo na comarca arredor da preparación da candidatura do xeoparque. De feito, a asociación e os municipios que se implicaron nela están desenvolvendo un intenso programa de actividades divulgativas, entre as que destacan as xeorrutas polos lugares de maior relevancia. Nestes momentos hai 7: a do Limo, a do Cobre, a dos Volcáns, a do Arsénico, a das Praias negras, a do Toelo e a das Pías, esta última situada na confluencia do Forgoselo coa falla que vai desde As Pontes até a praia de Campelo pasando por Igrexafeita e Naraío.

A exposición aberta hoxe no Concello forma parte dese programa divulgativo. Pequena en tamaño -son tres paneis informativos e unha mesa con 16 rochas- pero densa en contido, a mostra quere axudar a entender a verdadeira dimensión do noso patrimonio xeolóxico. «Hai rochas representativas de toda a zona do xeoparque e dous paneis con imaxes dos lugares de interese xeolóxico máis destacados, así como coas xeorutas máis representativas de cada concello. Despois hai outro panel con cuestións máis técnicas onde se explica que é un xeoparque, cal é a súa finalidade, que se busca con el«, explica Fran Canosa.

O Complexo do Cabo Ortegal abrangue 630 Km² de superficie dos municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño (tamén As Somozas, aínda que a administración local se desmarcou do proxecto de xeoparque desde o inicio), onde se localizan ata 52 lugares de interese xeolóxico e 5 sitios de relevancia internacional por atoparse neles formacións únicas ou case imposibles de ver en ningún outro lugar do mundo. Ese é o principal valor dunha zona onde se encontran praias de area vermella, raras praias de area negra como a de Teixidelo, a única no planeta -que se saiba- de orixe non volcánica, afloramentos de lava, granitos negros, restos glaciais, e rochas que habitualmente están a máis de 70 kilómetros de profundidade e que aquí poden observarse a simple vista.

Iso é o que poñen en valor os parques xeolóxicos, é dicir (e simplificando moito), as peculiariedades das pedras como un factor de desenvolvemento económico a través do turismo e doutras iniciativas que poidan beneficiarse deste recoñecemento internacional. No mundo existen 135 xeoparques e en Europa 62, dos que 11 están en España. No noroeste non hai ningún de momento, aínda que nesa carreira polo distintivo andan tamén a Serra do Xurés e o Monte Pindo. A candidatura do Ortegal ten a parte técnica practicamente lista, mentres que a parte económica contará con apoio provincial. «Estamos á espera de que saia adiante o Plan de patrimonio da Deputación e podermos seguir traballando de cara a que esa candidatura poida ser unha realidade o ano que vén«, precisa Canosa.

Á procura do ouro do Xuvia

En relación coa divulgación do xeoparque e da xeoloxía da zona, o Concello ofrecerá o próximo 12 de xullo unha actividade na que a rapazada da Aldea de Verán se meterá a buscar ouro nas augas do Xuvia. Para iso aprenderán a batear a area do río nunha zona segura e baixo a supervisión do propio Canosa. «Sobre todo é para que eles coñezan esa técnica milenaria que os romanos copiaron da xente que vivía aquí«.

A proposta forma parte da planificación lúdica e educativa do programa de conciliación do Concello, pero tamén se aproveitará para inculcar nas xeracións máis novas o interese polos minerais e a ciencia que os estuda «e, se cadra, atopar unha pebida de ouro, que sería o mellor premio para eles e elas«.

Lea también

Cariño intensifica su plan integral de restauración de mobiliario

Reparación de baldosas, reposición de aceras y bordillos de aceras, restauración de papeleras o sustitución …