Fene iza a bandeira multicor como xesto de apoio e visibilización dos dereitos das persoas LGTBQI

A bandeira do arco da vella, enseña da visibilización do colectivo de persoas gais, lesbianas, transexuais, bisexuais, intersexuais e queer, ondea desde este martes mesmo na casa consistorial de Fene canda ás oficiais. O municipio expresa deste xeito o seu compromiso coa igualdade de dereitos e a normalización de calquera opción sexual. Un compromiso que tamén se pon de manifesto participando na campaña «Construíndo diversidade» impulsada pola Deputación da Coruña.

A responsable da área de Igualdade, Mª Carmen Martínez, lanzou na mañá deste martes un convite para que se sumen á campaña «todos os veciños e veciñas, empresas, asociacións, clubes de portivos e calquera entidade comprometida co respecto á diversidade e coa igualdade de dereitos».

Neste sentido, o departamento pon unha chea de material reivindicativo a disposición das persoas que queiran colaborar, como cartaces, chapas, bolsas e folletos informativos editados dentro da campaña «Construíndo diversidade». Estes artigos poden recollerse no Centro Municipal de Servizos sociais de San Valentín en horario de 8:00h a 15:00 h.

Porén, desde a concellaría faise un chamamento ao activismo individual máis alá da campaña posta en marcha pola Deputación e 31 municipios da provincia: «animamos tamen a aquelas persoas que prefiran sumarse á campaña pola súa conta e botar man da súa imaxinación e creatividade, a utilizar os materiais que queiran, bandeiras, panos, cartaces, etc.»

Segundo Mª Carmen Martínez, o obxectivo é «encher Fene coas cores do arco da vella entre os días 26 e 28 de xuño, coincidindo este último co día do Orgullo LGTBQI». Na mesma liña tamén se pronunciou a psicóloga municipal Eva Sayago -responsable do servizo de promoción da Igualdade- quen engadiu que o chamamento atende «á dignidade e o dereito de todas as persoas sobre as súas vidas, os seus corpos e, por suposto, tamén as súas sexualidades».

Lea también

La Mancomunidad de Concellos celebró en Valdoviño una jornada técnica de turismo

Valdoviño acogió esta semana una charla técnica organizada por la Mancomunidad para dar a conocer …