Comeza en San Sadurniño unha «Aldea de verán» centrada na natureza e na educación emocional

Nenos participantes na actividade – Concello de San Sadurniño

A edición 2017 da Aldea de verán de San Sadurniño botou a andar este luns malia ser festivo local. 45 nenos e nenas disfrutarán ata setembro dunha chea de actividades nas entremedias da educación e o lecer ofertadas a través deste programa de conciliación impulsado pola área municipal de Igualdade. Cada ano elíxese un eixo temático arredor do que xiran a meirande parte dos obradoiros e neste tocaralle ao descubrimento da natureza. Porén, como aprendizaxe transversal a rapazada tamén traballará sobre as emocións ou, máis ben, sobre a educación emocional: ser conscientes do que senten, das súas emocións e como xestionalas na súa relación con outras persoas, tanto pequenas como grandes. A quenda de xullo da Aldea de verán está completamente cuberta e de cara á de agosto xa se rexistraron 30 peticións. O período de solicitude de prazas para o mes que vén finaliza o día 14.

A Aldea de Verán é un programa do departamento de Igualdade que busca ofrecerlle á rapazada de entre 3 e 12 anos un espazo de lecer e educación durante as vacacións estivais, ao tempo que lles facilita ás familias conciliar traballo e coidado dos nenos e nenas nestes dous meses en que están na casa.

O horario global é de 8.30 a 14.30 horas de luns a venres dividido en dúas quendas -unha de 8.30 a 10 e outra de 10 a 14.30 horas- nas que se organizan xogos e outras actividades de lecer e aprendizaxe, a maioría delas ao aire libre cando o tempo o permite. A base da Aldea de verán está no ximnasio do CPI, aínda que a rapazada estará movéndose practicamente toda a semana. Tal e como explica a monitora Raquel Veiga «os martes iremos á piscina e, se chove, iremos os xoves, os venres estaremos na Casa da Cultura e aproveitaremos tamén a zona baixando aos xardíns municipais«.

Un dos temas principais da aldea é a natureza e, neste sentido, a semana está estruturada nos obradoiros «Conectamos» cos que se persegue que a rapazada «conecte coa natureza a través do corpo e as emocións«. Así, o luns a conexión farase coa terra, os martes buscarase conectar coa auga, os mércores co aire e os xoves co coidado do planeta, mentres que os vernes se reservan para actividades especiais relacionadas co tema central: orientación, nocións básicas de supervivencia, olimpiadas rurais, «mandalas» na natureza, etc.

Unha das propostas máis rechamantes terá lugar no río Xuvia o día 12, cando os nenos e nenas da Aldea de verán participarán nun bateo á procura de ouro e outros minerais. A actividade estará conducida polo xeólogo Francisco Canosa, principal valedor técnico e activista a prol da declaración da nosa zona como xeoparque por parte da Unesco. «Baixaremos ao río, estaremos en contacto cos elementos da natureza e faremos un bateo para ver que atopamos«, comenta Veiga.

O outro tema principal -e transversal- da Aldea de verán será a educación en valores como o da igualdade, o respecto e a corresponsabilidade, sobre os que xa se vén traballando en toda a programación municipal dirixida á rapazada e a mocidade. A eles engádeselles a denominada «educación emocional«, na que o Concello tamén ten experiencia a través do programa socioeducativo Con-vive, ofertado hai uns meses a familias con nenos e nenas de 3 a 12 anos.

Do que se trata é de que os nenos e nenas coñezan as súas emocións e vexan de que maneira as súas reaccións inflúen nas demais persoas. Por medio da relaxación e aproveitando o contexto natural buscarase fomentar a comunicación e, con ela, a empatía.

Raquel Veiga explica como se desenvolverá esta parte do programa: «todas as mañás empezaremos o día realizando unha asemblea para ver como nos sentimos, que novas temos desde o día anterior ou simplemente darnos unha aperta e dicirnos cousas positivas. A continuación comezaremos cunha sesión de movemento a través de exercicios de ioga, respiración consciente, baile, música e xogos grupais de colaboración. Estes enlazarán con pequenos xogos que nos permitan conectar co corpo e as emocións e traballar valores a través dos contos, as cancións, as visualizacións, a cooperación… Ademais faremos un «Emocionario», onde iremos anotando todos os sentimentos que imos descubrindo, as sensacións que nos provocan no corpo e as situacións que asociamos a elas«.

Prazos para a quenda de agosto

O Concello ampliou con respecto ao 2016 o número de prazas ofertadas pola Aldea de verán. Tanto para a quenda de xullo como para a de agosto hai 45 dispoñibles, que se cobren por orde de solicitude e dándolle prioridade ás familias empadroadas no municipio. Este mes está todo cuberto e de cara a agosto xa se recibiron 30 solicitudes. O prazo para pedir praza para o mes que vén finaliza o venres 14 de xullo.

Quen queira obter máis información sobre o programa ou solicitar praza pode dirixirse ao departamento de Igualdade do Concello de San Sadurniño ou chamar ao 981 490 027.

Lea también

Valdoviño y Aspaneps favorecen el reciclaje de tapones de plástico

El Ayuntamiento de Valdoviño y Aspaneps, Asociación de Padres de Niños con Problemas Psicosociales,  inician …