Ares rinde homenaxe ás ximnastas Carla Vilasánchez e Lidia Martínez

As ximnastas co alcalde – Concello de Ares

O salón de Plenos do Consistorio aresán acolleu onte unha recepción institucional ás ximnastas locais Carla Vilasánchez e Lidia Martínez, en sinal do recoñecemento aos seus méritos deportivos tras o recente Campionato de España celebrado en Logroño. Ambas deportistas, do Club Ritmo de León e o Clube Acordes de Narón respectivamente, contan con destacados éxitos ao longo das súas carreiras e tiveron un importante papel na competición estatal.

O acto, presidido polo alcalde, no que tamén estiveron presentes membros do grupo de goberno e da corporación, contou coa participación de númeroso público, tanto familiares como veciños, que non quixeron perder a ocasión para apoiar ás homenaxeadas en tal sinalada data.

Tras a intervención do rexedor, na que destacou a importancia do esforzo e a constancia para superarse e acadar as metas, así como o orgullo que supón para o pobo de Ares contar con deportistas de máximo nivel nunha disciplina que ata o de agora non gozou de tradición no municipio, procedeuse á sinatura no Libro de Ouro por parte das ximnastas, ás que se lles entregou un agasallo institucional como colofón desta homenaxe.

Tanto Carla como Lidia plasmaron o seu agradecemento aos presentes pola súa asistencia neste día, e destacaron especialmente o apoio das súas familias, adestradores e amigos na progresión das súas carreiras.

O ateigado salón de Plenos contou tamén coa presenza de 60 ximnastas de distintas nacionalidades que participaron no XXI Encontro internacional de Ximnasia Rítmica organizado polo Club Esquío de Ferrol.

Lea también

Iván Puentes, a por el campeonato gallego de duatlón

Siete duatletas del Triatlón Ferrol disputarán este sábado el campeonato Xunta de Galicia con Iván …