27 tapices artísticos enchen ata finais de agosto as paredes da galería do Concello de San Sadurniño

Tapices Galicia expostos – Concello de San Sadurniño

Tapices Galicia é unha experiencia artística e empresarial emprendida por Josefina Sedes e Javier Rodríguez. Unha parella de artistas que levan máis de dúas décadas traballando por recuperar e innovar nesta disciplina téxtil, na que acadaron unha mestría tal que son capaces de reproducir case calquera imaxe con fidelidade fotográfica. E non só iso, senón que tamén crean deseños propios merecentes de encher salas de arte contemporánea ou a parede de calquera que teña gusto e “posibles”, xa que os tapices de maior tamaño pasan ben dos 3.000 euros. Ata o 21 de agosto podemos ver na galería da Casa do Concello un completo catálogo da súa obra.

Sedes e Rodríguez comezaron co macramé, logo pasaron ao tear de baixo lizo facendo roupa e enxovais e desde aí saltaron ao tapiz, no que hoxe son auténticos referentes. De feito, as súas creacións recibiron varios premios e levan percorridas unha chea de exposicións dentro e fóra de Galicia. Non é casualidade, polo tanto, que fosen seleccionados recentemente para formaren parte do portal Mad’in Europe, o sitio en liña onde se xunta a mellor e máis exclusiva artesanía de Europa.

Unha escolma da súa obra chega agora a San Sadurniño, onde poderemos vela até case finais de agosto. Son 27 deseños de pequeno e grande formato entre os propios -xogos de luces, escenas da vida, paisaxes, retratos, motivos celtas, petróglifos- e os que son reinterpretacións de obras pictóricas, algunhas delas de Segura Torrella e de Leandro Lamas.

En todos os casos os fíos reproducen as imaxes até o máis mínimo detalle. Unha das pezas máis sorprendentes é a que ilustra esta información, na que se pode ver un primeirísimo plano dun xogador de cartas cos naipes reflectidos nos cristais dos seus lentes. Semella unha foto, pero non o é, e fai falla achegarse ata case tocar o cadro para decatarse de que, en realidade, se trata dunha habilidosa e laboriosa urdime de distintas cores e tonalidades.

E toda esta arte ten un prezo ou, máis ben, varios prezos, que van desde os 60 euros dos tapices máis pequenos ata os varios miles dos máis grandes, cos que escasamente se pagan os centos de horas de traballo diante do tear.

A mostra de Tapices Galicia pode visitarse na galería do primeiro andar da Casa do Concello ata o 21 de agosto en horario de 8.30 a 14.30h. de luns a venres.

Lea también

Decomisados en Mugardos 167 kilos de vieira y los utensilios empleados para extraerlos ilegalmente

La Patrulla de Protección de la Naturaleza (Paprona) de la Guardia Civil en colaboración con …