San Sadurniño convoca unha praza para persoal administrativo interino

O Boletín Oficial da Provincia publica na súa edición deste luns 31 de xullo a convocatoria e mailas bases polas que se rexerá a provisión dunha praza de persoal administrativo en rexime de interinidade para a área de Intervención-Tesouraría. Co proceso preténdese seleccionar un funcionario ou funcionaria do grupo C, subgrupo C1, da escala de administración xeral, subescala administrativa, para facer unha substitución transitoria neste servizo. O anuncio do BOP marca un prazo de 15 días naturais para presentar as solicitudes de participación no proceso selectivo, que se fará por concurso-oposición. Tendo en conta que o 15 de agosto é inhábil, o último día para achegar as instancias será o 16.

Os requisitos que deberán cumprir as persoas aspirantes son os seguintes: ter nacionalidade española ou dun estado membro da UE, ter feitos os 16 anos, posuír -como mínimo- o título de bacharelato ou titulación equivalente, dispor de capacidade funcional para o desenvolvemento das funcións do posto, non ter sido separado ou separada dunha administración pública mediante expediente disciplinario ou inhabilitación, e acreditar o coñecemento do galego, ben co Celga 4 ou equivalente ou a través da proba de avaliación que se fará na fase de oposición.

Para participar no proceso será necesario presentar a instancia que figura como anexo nas bases, así como a fotocopia do DNI, pasaporte ou documento de identificación, a declaración responsable do cumprimento de todos os requisitos necesarios, a relación de méritos xunto coa documentación acreditativa -orixinal ou copia cotexada-, o xustificante de ter pagados os dereitos de exame (15€ que cumprirá ingresar na conta ES74-2080-0208-0131-1000-0059), a fotocopia da titulación esixida na convocatoria e a fotocopia do Celga 4 ou titulación equivalente. Quen non cumpra este último requisito deberá facer a proba de galego que só valorará como “apto/a” ou “non apto/a” -non se obterá puntuación- aínda que, iso si, será eliminatoria.

Na fase de concurso valoraranse os méritos con ata 40 puntos. Entre eles teranse en conta os servizos prestados na administración local en postos de igual ou similar natureza (20 puntos como máximo) e os que se prestasen na empresa privada facendo tarefas semellantes (máximo 10 puntos). Tamén se valorará a formación: ata 5 puntos por cursos oficiais sobre materias directamente relacionadas coas funcións propias do posto de traballo convocado e outros 5 como máximo por ter titulación superior á esixida na convocatoria.

A fase de oposición ten un tope de 60 puntos e estará composta por tres exercicios e o cuarto -que non puntúa- sobre coñecemento do galego para quen non o acreditase previamente. O primeiro será un cuestionario tipo test con 50 preguntas sobre o temario -máis 5 de reserva- que deberán responderse nun máximo de 60 minutos. Este exercicio dará ata 20 puntos e será eliminatorio se non se alcanzan os 10.

O segundo exercicio consistirá en desenvolver por escrito un máximo de 10 preguntas curtas sobre a parte específica do temario que despois deberán expórselle ao Tribunal. Durará tamén 60 minutos, poderán obterse ata 20 puntos e quedarán fóra as persoas que non consigan 10 como mínimo.

A terceira proba da oposición centrarase na resolución por escrito e posterior exposición dun máximo de 3 supostos prácticos referidos ao posto. A duración do exercicio será de 90 minutos, a puntuación máxima será de 20 puntos e tamén será eliminatorio para quen non chegue aos 10.

O Tribunal estará composto por unha persoa na presidencia que deberá ser funcionaria de carreira pertencente a un corpo ou escala que esixa para acceder a ela unha titulación igual ou superior á convocada, por tres vocalías cos mesmos requisitos e por unha persoa na secretaría que deberá ser funcionaria con habilitación de carácter estatal ou quen legalmente a substitúa.

O prazo de 15 días naturais para presentar as instacias de participación neste proceso selectivo compútase desde o día seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia, é dicir, desde o 1 de agosto, incluído. Así dános que o último día para a presentación de instancias sería o 15 de agosto, que é festivo, polo que o derradeiro día en que se recibirán solicitudes de participación será o 16 de agosto.

Lea también

Decomisados en Mugardos 167 kilos de vieira y los utensilios empleados para extraerlos ilegalmente

La Patrulla de Protección de la Naturaleza (Paprona) de la Guardia Civil en colaboración con …