9.327 ciruxías no primeiro semestre realizadas na Xerencia Integrada de Ferrol

Os e as profesionais da Xerencia Integrada de Ferrol realizaron un total de 9.327 intervencións cirúrxicas nos centros sanitarios, durante o primeiro semestre do presente ano 2017. Un total de 5.006 realizáronse no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e delas, o 58% (2.455) foron de carácter ambulatorio, sen que o paciente tivera que ingresar no centro hospitalario para a súa intervención. A estas engádense as 4.321 intervencións de cirurxía menor ambulatoria que realizan os profesionais dos centros de saúde, no sistema máis achegado ó paciente.

Estas cifras da modalidade ambulatoria ou sen ingreso aglutinan tanto o que se coñece como Cirurxía Maior Ambulatoria (CMA), como a cirurxía menor ambulatoria (cma). A Cirurxía Maior Ambulatoria (CMA) é máis complexa, e en moitas ocasións require a presenza dun anestesista, aínda sen ser necesario ingreso. Por outra banda, a cirurxía menor ambulatoria (cma) é a que desenvolven tamén os e as profesionais nos centros de saúde da Xerencia ferrolá, e que na súa maioría requiren anestesias locais.

Das 5.006 intervencións anuais ambulatorias do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, un total de 799 tiveron carácter urxente; e o resto foron programadas: 1.752 foron con ingreso hospitalario; e as restantes 2.455 (o 58% do total) tiñan carácter ambulatorio, 2.122 con Cirurxía Maior Ambulatoria (CMA) e 333 con cirurxía menor ambulatoria.

Cada vez máis cirurxía menor nos centros de saúde

No caso dos centros de saúde, realizaron neste primeiro semestre un total de 4.321 intervencións de cirurxía menor ambulatoria, sen ingreso e no propio centro de saúde, o sistema máis achegado ó paciente. Estas intervencións foron realizados tanto polos especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria como pola Enfermaría e os profesionais de Odontoloxía. Cada vez é maior o interese destes profesionais pola abordaxe da cirurxía menor. De feito, na Xerencia ferrolá téñense producido actividades de formación nas que, a iniciativa dos cirurxiáns e destes profesionais, prodúcese un achegamento do especialista en Cirurxía do hospital e os especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria para a abordaxe de cirurxía menor.

Cirurxías ambulatorias, máis comodidade para o paciente

En termos xerais, o emprego da cirurxía ambulatoria, cirurxía sen ingreso, en detrimento da cirurxía con hospitalización, implica unha maior comodidade e accesibilidade do paciente ó ámbito sanitario. Ofréceselle unha opción máis favorable, posto que non ten que ingresar, e pode ir para a súa casa trala intervención. Os e as profesionais da Xerencia ferrolá valoran distintos aspectos da patoloxía e do paciente, e optan -en base a criterios, protocolos e catálogos de procedementos establecidos- pola inclusión do mesmo no ámbito da cirurxía menor ou da Cirurxía Maior. Na decisión inflúen o diagnóstico, a complexidade do procedemento, o perfil do paciente -idade, patoloxías asociadas, medicación, ou contexto social, entre outros-, e, tamén, as esixencias do coidado postoperatorio. A cirurxía menor soe requirir unha anestesia local, mentres que a Maior pode precisar anestesia local, rexional, xeral ou sedación.

O pulo a esta cirurxía implica que procedementos que antes requirían ingreso no centro hospitalario, se poidan facer de xeito ambulatorio. A modo de exemplo, algúns dos procesos de cirurxía ambulatoria máis frecuentes no centro hospitalario son: distintos procedementos oculares, como a cirurxía de cataratas; extirpacións e biopsias, como a extirpación de tumores cutáneos malignos; a operación das hernias inguinais ou femorais; ou a cirurxía da síndrome do túnel carpiano, entre outras moitas, nas que hai anos ingresaba o paciente para a súa abordaxe.

Cirurxía Maior Ambulatoria no Hospital Naval do Complexo

O Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol conta con espazos dedicados á Cirurxía Maior Ambulatoria, que permitiron potenciar esta actividade. A posta en marcha de catro quirófanos supuxo activar, en decembro de 2008, unha Unidade inexistente ata ese momento que aglutinou toda a Cirurxía Maior Ambulatoria, e liberou espazos no Hospital Arquitecto Marcide para cirurxías de maior complexidade. No terceiro andar do Hospital Naval, esta Unidade está formada por un Bloque Cirúrxico composto por catro quirófanos e unha área de Espertar e adaptación ó medio, dotada con dez camas e dez cadeiras de brazos.

O feito de que Ferrol non contara con esta Espertar e Observación limitaba o poder incrementar o número destas cirurxías ambulatorias. De xeito paralelo, liberar desta actividade ós quirófanos do Hospital Arquitecto Marcide permitiu que se destinaran a un maior volume doutras cirurxías non ambulatorias, o que redunda en maior beneficio para a cidadanía de Ferrol. A Unidade conta tamén cunha sa de información a familiares, despacho de supervisora e facultativos, sa de estar do persoal, espazo para a espera de camas e almacén de material funxible, con acceso dende o exterior para provedores.

Lea también

Reunión entre el alcalde de Ferrol y las entidades vecinales afectadas por las obras de As Pías

El alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, participó este viernes en la reunión convocada …