A atleta Paula Mayobre visitou a Aldea de Verán de San Sadurniño

Paula Mayobre durante a súa visita – Concello de San Sadurniño

O programa socioeducativo e de conciliación Aldea de Verán iniciou hai escasos días a súa segunda quenda, na que participan un total de 33 nenos e nenas. Continúan tendo como base o ximnasio do CPI e tamén continúan traballando sobre as emocións e o descubrimento de si a través da natureza, dos sentimentos e da relaxación. Hoxe mesmo tiveron a visita da atleta Paula Mayobre, quen lles falou sobre o xeito en que ela se concentra e se prepara mentalmente antes dunha competición, ademais de meterlles certa curiosidade polo atletismo. E mañá xoves, día de ensaio para a grande obra teatral que representarán o venres diante dos avós e avoas do Centro de Día.

A Aldea de Verán é un programa do departamento de Igualdade que busca ofrecerlle á rapazada de entre 3 e 12 anos un espazo de lecer e educación durante as vacacións estivais, ao tempo que lles facilita ás familias conciliar traballo e coidado dos nenos e nenas nestes dous meses en que están na casa.

Cada ano elíxese un eixo temático arredor do que xiran a meirande parte dos obradoiros e neste 2017 tócalle ao descubrimento da natureza a través das emocións, aínda que tamén se podería dicir que se traballan as emocións e o autocoñecemento aproveitando elementos da natureza ou calquera outra excusa, como ocorreu hoxe coa visita de Paula Mayobre.

Seis veces internacional coa Selección española, tres veces mundialista, varios campionatos galegos e de España… son só algúns recoñecementos obtidos pola atleta de Ares, especialista en medias e longas distancias. Porén, a súa visita á Aldea de Verán non foi só para saber dos seus éxitos, senón para aprender dela. Explícao a coordinadora da actividade, Raquel Veiga: «aproveitando que é unha muller cun grande nivel deportivo, quixemos que Paula nos contase como coñecer o noso corpo, como aproveitar o noso potencial físico, e que nos explicase tamén como se prepara mentalmente e como se relaxa antes dunha carreira«.

Ao longo da mañá Mayobre e maila rapazada da Aldea de Verán compartiron parola e tamén varias actividades físicas -máis ben xogos- coa finalidade de exercitar corpo e mente. «A ver se, de paso, lle metemos aos nenos e nenas o gusto polo atletismo«, comentou Veiga.

«O monstro de cores»

A visita de Paula Mayobre produciuse nun momento de euforia e nerviosismo a partes iguais, xa que tan só faltan dous días para a estrea da obra «O monstro de cores» nunha versión preparada integramente pola cativería coa axuda das monitoras. Conta a historia dun monstro «que ten algo de lío recoñecendo as súas emocións, como nos pasa a todos e a todas en certos momentos«.

Para a posta en escena os nenos e nenas fixeron vestiario e decorados minimalistas, ademais de aprender un libreto moi sinxelo no que a maior parte do elenco actúa en grupos de cores que representan as distintas emocións.

Como público terán ás persoas usuarias do Centro de Día no que será, de feito, un obradoiro interxeracional de aprendizaxe mutua. «Queremos que os nosos e as nosas maiores coñezan o traballo que facemos arredor das emocións e ver como fan eles e elas para mostralas e expresalas«.

Lea también

Los deportistas del Náutico Narón con gran protagonismo en el evento solidario «24H non stop, stop al coronavirus»

Cerca de 200 deportistas han tomado protagonismo a través de las redes sociales, en un …