A Feira Rural de San Sadurniño programa unha quincena de actividades paralelas

Feria rural – Concello de San Sadurniño

O espazo da Cortiña xa ten aspecto de feira trala montaxe na xornada de onte da carpa principal -de 450 m2- e dos toldos e haimas destinados a albergar as exposicións. Se o tempo axuda, o recinto volverá ser un fervedoiro de xente na procura de produtos da terra de calidade, alimentos transformados, flor, planta, artesanía ou artigos de segunda man. De todo iso haberá na feira anual dedicada ao desenvolvemento sustentable e ás posibilidades do rural que nesta ocasión volve contar cunha chea de propostas paralelas. As máis destacadas son o concurso de froita, a copa de agility canino e o concurso monográfico da raza Can de Palleiro. Pero hai máis: exposicións permanentes, visitas guiadas, obradoiros para a rapazada, degustacións, paseos en kaiac e cabalo e, sobra dicilo, poder disfrutar do paseo fluvial do Xuvia.

Son varias as entidades que traerán ata San Sadurniño cadanseu posto co obxectivo de mostrar as actividades que desenvolven. É o caso da delegación de Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura, quen volve á feira para facer divulgación do mundo das abellas e para dara a coñecer os últimos sistemas que está poñendo a proba para loitar contra a avespa asiática.

Esta asociación ten suscrito un convenio co Concello para o mantemento do apiario didáctico situado a escasos metros da feira como complemento polinizador da horta de froiteiras do país. Alí leva varios meses funcionando un dispositivo de protección eléctrica das colmeas que, segundo aseguran, está dando moi bos resultados. As persoas interesadas en ver como traballa este equipo de fabricación caseira poderán facelo nalgunha das dúas visitas programadas, unha ás 12.30h. e outra ás 18.00h. As inscricións hai que facelas previamente no posto de información do Concello.

Outra entidade que tamén centra o seu traballo na apicultura é a Casa do Mel de Goente. Levan vindo a esta feira e á da plantación desde os seus inicios para explicar o labor que fan ao longo do ano, pero tamén para ofrecerlle á rapazada un obradoiro contínuo de elaboración de candeas e outras figuras a partir da cera das abellas. Neste caso non hai falta de apuntarse antes e os nenos e nenas que queiran probar a moldear só terán que pasar polo posto da entidade entre as 11.00 e as 19.00h. A actividade é gratuíta.

A Feira Rural de San Sadurniño é un evento cun marcado carácter familiar e esa é unha das razóns de que os nenos e nenas teñan tanto onde elixir: paseos en kaiac gratuítos -de 11 a 14.30h. e de 15.30 a 19.00h. con inscrición previa no posto do Concello-, o obradoiro de marmeladas elaboradas con froitas autóctonas que se desenvolverá das 16 ás 18.00h. para idades entre os 3 e os 12 anos -tamén con inscrición previa ata un máximo de 20 prazas- e a actividade de iniciación á equitación en colaboración coa Hípica Prado Ventura, de 18.15 a 19.00h. para a rapazada e unha hora antes para persoas adultas.

Por outra banda, a asociación Os Picos do Sol estrará -literalmente- parte do espazo con cociñas e outros trebellos que funcionan coa luz do sol, pero tamén con xogos -crebacabezas, malabares, barras de equilibrio, etc.- dos que a cativería poderá gozar en calquera momento desde as 11 até as 19.30h.

Os Picos do Sol apostan polo xogo como medio de difusión dos valores relacionados coa sostenibilidade ambiental e co aproveitamento das enerxías limpas. Uns principios coincidentes cos da Cooperativa comercializadora de enerxía renovable Nosa Enerxía, que tamén contará cun posto na IX Feira Rural. A entidade é a primeira cooperativa constituída en Galicia para comercializar electricidade con certificación de procedencia de fontes renovables, aínda que tamén aspira a impulsar proxectos de xeración limpa. Nestes momentos conta con case 400 socios e socias entre particulares e entidades privadas e públicas, entre elas o Concello de San Sadurniño.

Dentro das actividades paralelas cómpre citar tamén as visitas guiadas á horta de froiteiras autóctonas Carlos Fornos organizadas pola AGFA do Eume. A primeira será ás 11.30h. e a segunda ás 17.00h.. Nelas explicarase o cometido deste campo que conta con máis de 150 variedades do país, recollidas na súa maioría nas zonas de Ferrol, Eume, Ortegal e Betanzos. A asociación ten como finalidade conservar as froitas da terra e tamén poñelas en valor como produto de futuro para o sector primario. Na mesma liña tamén se move o centro de capacitación agroforestal de Guísamo, que traballa no potencial vitivinícola e sidreiro do norte de Galicia. Este centro dependente da Xunta ofrecerá en San Sadurniño unha degustación de viño e sidra do país acompañado de queixo. Será ás 12.30h. e antes deberán retirarse os tiques e mailo vaso no posto do Concello.

As propostas da IX Feira Rural completaranse cos eventos principais: o concurso de froita que se desenvolverá durante boa parte da mañá, a copa de agility canino -das 11 ás 13.30h.- e o concurso da raza Can de Palleiro, segundo monográfico anual da raza que comezará ás 17.00h. e que é puntuable para o campionato 2017-2018.

De imprimirlle ao evento un tono festivo e humorístico encargarase nesta edición a asociación O Aturuxo de Melpómene co espectáculo humorístico «Cadaquén Faladafeira», que percorrerá os sendeiros da Cortiña das 12.00 ás 14.00h. animando o mercado.

Por último, tamén é necesario lembrar que na feira haberá dous sorteos de lotes de produtos, un ás 14.00h. -xusto despois da entrega de premios do concurso da froita- e outro ás 19.00h., minutos antes de dar por clausurada a cita. As rifas entregaranas os distintos postos con cada compra que se faga.

Lea también

La Guardia Civil investigó a un vecino de Miño por circular dos veces con su coche en sentido contrario el mismo día

El Grupo de Investigación y Análisis de Tráfico (GIAT) del Sector de Tráfico de Galicia, …