Un total de 60 rapaces e rapazas participarán no campus de verán do Baloncesto Narón

Equipo premini – Baloncesto Narón

Un total de 60 rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 5 e os 18 anos participarán a vindeira semana no campus de verán que organiza o Baloncesto Narón no pavillón municipal da Gándara. Hai varios días que o clube tivo que pechar o prazo de inscrición para poder ofrecer unha atención máis personalizada ás cativas e cativos apuntados. O horario, do luns 28 de agosto ata o venres 1 de setembro, é de 10.00 a 14.00 horas e durante as sesións haberá, ademais de exercicios para a mellora da técnica individual e para a comprensión do xogo en equipo, concursos de 1 contra 1, 2×2, 3×3 ou lanzamentos, así como xogos dirixidos aos diferentes grupos de idade que se establezan.

O campus contará, entre outros monitores e adestradores, coa participación activa de tres ex xogadores da ACB, Miguel Piñeiro, José Luis Ferreira e Lucho Fernández –tamén preparadores dos equipos do Baloncesto Narón-, e coa colaboración do adestrador do primeiro equipo, Miguel Maseda, así como de diferentes integrantes do plantel que este ano volverá disputar a Liga EBA.

Por outra parte, o Baloncesto Narón informa de que aínda quedan prazas nos equipos das categorías de base: escola (nadas e nados entre 2010 e 2012); premini (2008-2009), mini (2006-2007), infantil (2004-2005), cadete (2002-2003) e junior (2000-2001). Os interesados poden obter máis información no correo electrónico ad.santiagoapostol@gmail.com ou chamando ao número de teléfono 610 659 667.

Unha das novidades de cara á próxima temporada ten que ver coa ampliación dos horarios da escola. As pequenas e os pequenos que queiran iniciarse no mundo do baloncesto poderán elixir dous días entre luns e xoves (en horario de 17,30 a 18,30, agás o luns, que é de 17,00 a 18,00 horas), segundo mellor lles conveña.

A directiva do Baloncesto Narón anima ás familias a apostar por este deporte e este club, que leva varios anos medrando en número de fichas e en nivel competitivo nas diferentes categorías.

Lea también

Adrián Orjales, Mejor Deportista del Año de Valdoviño

El arquero internacional Adrián Orjales fue proclamado como el Mejor Deportista del Año durante la …