San Sadurniño amplía a rede de alumeado Led

Novo alumeado en San Sadurniño – Concello de San Sadurniño

A empresa Técnicas Eléctricas Acebre S.L. rematou hai tan só uns días os traballos de subministración e instalación dun novo sistema de alumeado led en dous puntos de Naraío e San Sadurniño. A obra consistiu na retirada dos vellos farois amarelos, na súa substitución por outros novos con esta tecnoloxía de menor consumo e maior calidade lumínica e na unificación de contadores e cadros de mando, co que se minimizará tamén a posibilidade de avarías e se suprimirán contratos e contadores eléctricos innecesarios. Todo para continuar mellorando en eficiencia enerxética e tentar rebaixar a factura eléctrica.

Esta remodelación da rede de alumeado público levouse a cabo entre a Penamoura e a Penavidreira -pasando por Campolabrado e o Chao, en Naraío- e entre a rotonda do Outeiro e maila ponte sobre o Xuvia sobre a estrada de Ferreira. Entre os dous suman cerca de 3 Km. de vías públicas nas que xa se deixou notar o cambio, cuns farois moito máis pequenos e unha luz branca que se espalla dunha forma máis suave.

Hai practicamente os mesmos puntos de luz, só que usan a tecnoloxía led, que ofrece unha maior vida útil -ata 50.000 horas de uso ininterrompido-, un menor consumo, unha capacidade lumínica que é case 12 veces maior que a dunha bombilla incandescente e unha luz branca de maior calidade desde o intre mesmo en que encende, mentres que os alumeados convencionais deben chegar antes a unha temperatura óptima de funcionamento para dar unha luz alaranxada ou verdosa moito máis pobre.

Canda o cambio das lámpadas, a intervención tamén serviu para unificar cadros de mando e contadores. Na liña que vai desde a Penamoura até a Penavidreira había catro con cadanseu contrato e agora hai un só, o que permite aforrar os custes fixos que leva implícito calquera subministración -alugueiro de contador, potencia contratada, etc.-, ademais de simplificar considerablemente as tarefas de mantemento e control.

Por outra banda, ao tratarse de instalacións con case tres décadas de antigüidade, tamén se estaba producindo un consumo excesivo que agora se quere cortar de raíz. Os cálculos feitos pola FAEPAC -a fundación enerxética dependente da Deputación da Coruña- apuntan a que se pasará dos 42.000 kWh de consumo anual a tan só 7.200. É dicir, obterase unha baixa no gasto enerxético dun 82%. Dito doutra maneira: o Concello pasará de pagar 8.700 euros a pagar 1.400 euros anuais pola luz destas dúas liñas de alumeado que agora se pasaron a led. As cifras indican que o aforro conseguido permitirá recuperar os 33.855 investidos en tan só catro anos e medio.

A contía destinada a esta actuación provén do Fondo de Compensación Ambiental, sustentado co canon anual que lle pagan á Xunta as empresas eléctricas con aeroxeradores e liñas de evacuación no territorio. A San Sadurniño correspondéronlle 35.400 euros este ano.

Xeolocalización dos contratos e revisión da facturación

Alén de continuar co traballo de pasar a led o maior número posible de alumeados públicos, o Concello tamén prosegue buscando fórmulas para aforrar en gasto enerxético. Unha das maneiras é, precisamente, unificando liñas de subministración nun mesmo contrato. Durante anos -principalmente nas décadas dos 80 e 90- a rede municipal foi medrando aos poucos ata abarcar case todos os núcleos e os eixos viarios que unen os máis poboados.

A medida que se ían poñendo en marcha alumeados tamén se ían contratando subministracións e instalando cadros de control que agora, coa rede xa completada, poden irse unificando por zonas. Dese labor encárgase a empresa adxudicataria do mantemento eléctrico municipal -Electricidad Permuy-, quen puxo a disposición do Concello unha ferramenta informática con todos os datos da xeolocalización dos cadros de mando e dos contadores existentes.

O aplicativo tamén permite cotexar esa información coa facturación, de maneira que é máis doado detectar facturas erróneas ou duplicadas e conseguir deste xeito unha maior eficiencia económica no referido á subministración eléctrica.

Non podemos influír no que custa a electricidade, pero si podemos e debemos poñer os medios para que o seu prezo e as súas variacións repercutan o menos posible na economía municipal”, sinala Suso Soto. Tal e como explica o titular de Facenda, San Sadurniño é “posiblemente” o Concello da comarca que coñece “mellor e con máis detalle” as características da súa rede de alumeado público. Segundo Soto, esa información “é vital para poder abaratar custes xuntando cadros, variando termos de potencia contratada ou definindo onde se fai necesario cambiar a led o antes posible”.

Lea también

Decomisados en Mugardos 167 kilos de vieira y los utensilios empleados para extraerlos ilegalmente

La Patrulla de Protección de la Naturaleza (Paprona) de la Guardia Civil en colaboración con …