Infantil e primaria inician en San Sadurniño un curso cargado de novidades tecnolóxicas

O alumnado de infantil e primaria do CPI de San Sadurniño comezou este luns o curso escolar 2017-2018. Son só a primeira quenda de nenos e nenas, xa que a rapazada da ESO aínda terá a presentación o venres. En total hai 335 alumnos e alumnas matriculados, o que supón unha ducia máis que o ano pasado, que non é moito pero si un repunte significativo tras perdas de alumnado constantes nos últimos anos. A principal novidade para este curso é a incorporación do centro ao proxecto E-DIXGAL, que substituirá os libros de texto por ordenadores en dous cursos de primaria e dous da ESO.

Que hoxe era primeiro día de escola notouse especialmente no tráfico, cunha chea de coches circulando e aparcados en Marqués de Figueroa e no campo onde habitualmente se instalan as atraccións de Santa Isabel. A xornada arrancou coas presentacións nos cursos de primaria pouco despois das 9.30h. mentres que a rapazada máis pequeniña, a dos primeiros cursos de infantil, empezou ás 10.30h.

Segundo informan desde o centro, as matrículas experimentaron un leve incremento con respecto aos últimos anos: son 67 nenos e nenas en infantil -9 menos que en 2016- e 155 en primaria, 15 máis que o curso pasado. No caso da ESO -que arranca o venres- tamén houbo un leve incremento: seis matrículas máis que o ano pasado que deixan o cómputo total en 113 alumnos e alumnas de secundaria.

A simple vista o centro de ensino viviu unha pequena transformación con respecto ha hai tres meses, xa que o Concello pintou o muro exterior de cores máis vivas que o triste gris do cemento. Ademais, na parte dianteira do edificio de primaria tamén se instalou unha illa de colectores gardada nunha estrutura de madeira que ten como obxectivo almacenar o lixo que se poida xerar no patio e, máis que nada, facilitar a aprendizaxe dos nenos e nenas sobre algo tan importante como a separación en orixe e a reciclaxe. Desde o departamento de Ensino tamén lembran que nos próximos días está previsto substituír a superficie da pista multixogos por outra nova.

Porén, quizais un dos cambios máis importantes que se van dar este ano será o da desaparición dos libros de texto para o alumnado de 5º e 6º de primaria e o de 1º e 2º da ESO. O CPI de San Sadurniño foi un dos centros elixidos pola Xunta para a implantación do sistema E-DIXGAL, encadrado no espazo Abalar, que permitirá acceder a contidos dixitais en substitución dos impresos.

Os docentes poden elaborar a súa propia “mochila dixital” seleccionando a través da plataforma os materiais formativos existentes, que poderán enriquecer con achegas de elaboración propia. Ademais, o CPI continuará tendo á súa disposición o espazoAbalar con máis de 2.900 recursos educativos dixitais complementarios en sete idiomas.

O alumnado pode acceder ao material seleccionado polo profesorado tanto a través dunha conexión a internet (modo online) como dende o seu netbook (modo offline). Deste xeito, garántese que os alumnos e as alumnas que non dispoñan de conexión a Internet desde as súas casas, poidan seguir o curso sen dificultade. De feito, todo o avance que realicen sen conexión será actualizado de maneira automática na plataforma en canto o netbook volva ter conexión de rede.

Outro dos cambios que se notarán -e moito- a partir deste ano é tamén tecnolóxico, posto que o colexio conta desde hai escasas semanas cunha conexión a internet de alta velocidade e acceso wifi nos espazos públicos, dentro do programa «Escolas conectadas» impulsado pola Xunta e polos ministerios de Industria e Educación. Este programa ten como obxectivo instalar accesos á rede de ata 500 Mb/s de velocidade en 850 centros de ensino, utilizando para iso distintas tecnoloxías como o cabo ou o 4G.

Inscricións no programa «Con-vive» e en «Espazos das familias»

O Concello de San Sadurniño, a través da área de Igualdade, volve colaborar neste curso coa comunidade educativa levando adiante varios programas que implican á rapazada e tamén ás súas familias. Un deles é «Con-vive», que lles propón ás familias con nenos e nenas de 3 a 12 anos un espazo no que aprenderen técnicas para mellorar a relaxación, o coñecemento interior e as relacións tanto dentro da propia familia como con outras persoas.

O programa vén ser unha paréntese na dinámica do día a día, onde o traballo, atender as cousas da casa, coidar da rapazada, etc., nos meten moitas veces nun axetreo constante e frenético que deixa en segundo plano os momentos de tranquilidade que todo o mundo quere para “gozar da familia”. Un concepto do que se ten oído falar moito pero que é difícil de definir e, sobre todo, de vivir plenamente. Por iso o programa “Con-vive” quere traballar algunhas pautas doadas de seguir na casa coas que se persegue, en último caso, reforzar vínculos afectivos e mellorar a comunicación.

«Con-vive» arrancará no mes de outubro e prolongarase até decembro en días e horarios que se acordarán coas familias participantes. As sesións, de hora e media de duración unha vez por semana, desenvolveranse no propio CPI ou ben na Casa da Cultura. En calquera caso, cómpre sinalar que se trata dunha proposta gratuíta, que hai prazas para 12 familias e que as inscricións poden facerse xa nas oficinas de Servizos Sociais e Igualdade. Hai máis información chamando ao 981 490 027 ext. 1.

Desde a área de Igualdade tamén lembran que este venres, 15 de setembro, finalizará outro prazo, o correspondente ás inscricións no programa Espazos das familias, dirixido a familias con nenos e nenas de entre 0 e 3 anos. Trátase dunha actividade de apoio á educación que ofrece un contorno de relación e xogo onde os pais e nais poidan afondar no desenvolvemento das crianzas.

Lea también

Efectivos del GES de Ortigueira localizaron a una mujer que estaba desaparecida

Efectivos del Grupo de Emerxencias Supramunicipal-GES de Ortigueira lograron localizar a una vecina de esta …