San Sadurniño reivindica a igualdade e a creatividade feminina cun recital poético na Casa do Concello

A Nova Poesía Guitirica é un colectivo poético nacido en 2014 co gallo do 25º cabodano de Xosé María Díaz Castro, o profesor, tradutor e poeta chairego a quen ese mesmo ano se lle adicaban o Día das Letras Galegas. Trátase dun grupo que se autodefine como “heteroxéneo en estilos pero homoxéneo en obxectivos” formado maiormente por homes e mulleres de Guitiriz e a súa contorna -aínda que tamén hai xente de máis lonxe-, axugados na poesía, no compromiso coa lingua e tamén na igualdade. Unha representación da NPG inundará de versos a Casa do Concello este sábado a partir das 18.30h., acompañándoos tamén da poesía de Díaz Castro musicada por Sandra Tenreiro. Será un evento para o sentimento e a emoción, ao tempo que se reivindica a creatividade feminina. A cita contará, ademais, coa participación da moza Noreia Hermida, quen xa leva colleitado unha chea de premios como pianista.

Á cita organizada pola área de Igualdade confirmaron a súa asistencia Xelo Teijido, Mar Beres, Pás Veres e Antón de Guizán, así como María Xosé Lamas e Martiño Maseda, Ana Vila Portomeñe e Silvia Pardo. Tamén estará Luz Campelo, quen acaba de publicar “Inventario do prohibido”. A obra é un chamamento á igualdade real entre mulleres e homes, resultado da unión da faceta de Campelo como amante da escrita e como profesional con longa experiencia no ámbito social.

A Nova Poesía Guitirica forma parte do rico e activo movemento sociocultural da Terra Chá, ao carón doutras entidades de renome como Xermolos ou a asociación Os Vilares, lareira de soños. Xurdida con Díaz Castro como referente, a NPG avanza agora como “unha realidade da que Pepe (Díaz Castro) se sentiría fachendoso, pola poesía, pola mocidade dos poetas e pola súa proximidade, tanto territorial como de inquedanzas…”, tal e como escribiu Antón Tenreiro -Antón de Guizán-, un dos seus membros.

Os versos da nova vaga poética chairega resoarán no patio interior da Casa do Concello este sábado a partir das 18.30h., onde tamén poderemos escoitar a poesía de Díaz Castro na voz de Sandra Tenreiro, quen lle puxo música a unha decena de pezas do autor. Porén, Tenreiro tamén desenvolveu un proxecto integramente seu baixo o nome de “InfuSons”, no que esta mestra de música lle canta á vida, á afouteza e á igualdade: “son temas como o apoio ás mulleres que están en situacións de violencia de xénero, a nobreza da figura dos avós, o amor á terra e á vida, o respecto, a reivindicación para facer na vida aquilo que realmente nos gusta, loitando por levar as nosas ideas adiante independentemente de non ter o tempo ou os recursos e medios materiais para facelo doutro xeito”, comentáballe hai un ano a El Progreso.

Ao evento poético tamén foi convidada Noreia Hermida. Con tan só 14 anos esta moza de Ferreira é xa unha destacada intérprete de frauta traveseira e, sobre todo, de piano, co que non para de colleitar premios. De feito, en abril fíxose co Concurso de Piano da SAF e un mes despois venceu no I Concurso Nacional de Piano Maestro Soutullo, en Ponteareas.

Hermida ofrecerá dous pequenos recitais, un ao piano e outro á frauta, inseridos entre os dous bloques de declamacións previstos para a sesión. “Vai ser un acto moi dinámico e entretido”, sinala a titular da área de Igualdade, Ana B. Gundín, quen engade que o obxectivo deste encontro poético ten a dobre misión de “promover a cultura e continuar reivindicando o papel da muller como creadora”.

Lea también

Ares acada o epicentro de Atenas no marco do proxecto europeo ‘Sporural’

A concelleira de Deportes de Ares, Alma Barrón, e membros do equipo técnico deportivo e …