San Sadurniño ampliará o programa de recollida de aceites domésticos cunha axuda do Ministerio de Medio Ambiente

Claki da campaña – Concello de San Sadurniño

San Sadurniño puxo en marcha hai case dez anos un programa de reciclaxe de aceites domésticos coa implicación do alumnado do centro de ensino e das súas familias. Agora o Concello quere que a iniciativa se amplíe a outras zonas do Concello e para iso presentou un proxecto ao Ministerio de Medio Ambiente dentro do Plan PIMA-Resíduos. Hai uns días recibiuse resposta á solicitude -cursada a través da Xunta- na que se comunica unha achega económica de 8.000 euros, o 63% do importe que se solicitaba. As accións que se incluían na proposta eran a de continuar coa recollida no colexio, traballar tamén coa EIM A Rolada e co Centro Municipal de Empresas e, por último, estender o programa ás parroquias instalando colectores comunitarios. O obxectivo principal é impedir que os aceites domésticos vaian parar aos desaugadoiros e, de aí, á auga dos ríos ou á EDAR, que non é capaz de procesalos como é debido. Estímase que un só litro de aceite pode contaminar 1.000 litros de auga.

O importe total do proxecto deseñado polo Concello estaba cuantificado en 12.650€ e nel incluíanse estes tres grandes capítulos. No centro de ensino continuaríase colaborando como ata agora, é dicir, repoñendo «clakis» (os recipientes individuais da recollida que nalgúns casos se perderon ou romperon) para que os nenos e nenas sigan co labor de recoller aceite nas súas casas que logo se trae para a escola. A maior parte del lévao cada certo tempo unha empresa de tratamento autorizada -xunto co das cociñas do centro- mentres que unha pequena cantidade queda para reutilizar no colexio. ¿Como? Pois facendo experimentos sobre biocombustibles ou preparando xabóns artesanais que despois serven, entre outras cousas, para financiar actividades como as óperas do proxecto LÓVA.

Alén de manter a colaboración co colexio, o plan municipal tamén quere aplicar o mesmo esquema na Escola Infantil Municipal A Rolada e incluso no Centro Municipal de Empresas, procurando a participación no programa das familias das crianzas e das persoas que traballan no edificio empresarial.

A terceira pata da ampliación da recollida de aceites domésticos son as parroquias, por onde se distribuirían 10 colectores especiais situados en illas ecolóxicas. Ademais, no caso das zonas onde está funcionando o sistema Porta por porta, tamén se incorporaría este refugallo á recollida domiciliaria. Desta maneira, cubriríase tamén unha boa parte da poboación que non ten fillos ou fillas en idade escolar e levaríase un novo servizo ás zonas rurais.

Por último, o proxecto técnico tamén reserva unha partida para executar unha campaña de divulgación sobre a reciclaxe de aceites domésticos e sobre a importancia de que estes non se tiren nin polo fregadeiro nin polo váter. Cómpre ter en conta que o aceite contamina moito e, despois de ser utilizado en fritiduras, máis aínda. Ademais tamén ocasiona outros problemas posto que, mesturado con papeis e toallas -que tampouco deben tirarse no retrete- pode atascar sumidoiros públicos e mesmo provocar danos na maquinaria dunha estación depuradora.

Para levar adiante esta iniciativa, o Concello tramitou a través da Consellería de Medio Ambiente unha petición ao programa PIMA-Residuos do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente. A cantidade concedida foron 8.000 euros e agora só falta que desde a Xunta envíen as condicións de aplicación deste orzamento, ben permitindo dividir a contía entre todas as actuacións previstas reducindo o seu alcance ou ben obrigando a sufragar só algunha delas ata completar a subvención. Sexa dunha maneira ou da outra, o proxecto deberá executarse nun prazo máximo de 24 meses.

Convenios con ECOEMBES
En relación coa reciclaxe, o Concello e ECOEMBES acaban de suscribir dous convenios de colaboración encadrados nos acordos que esta entidade ten asinados á súa vez coa Xunta de Galicia para promover maiores taxas de reciclaxe de papel, cartón e envases.

ECOEMBES, como xestora deste tipo de refugallos, non cobra polo seu tratamento, senón que paga por eles unha pequena cantidade e, ademais, compensa aos municipios -neste caso San Sadurniño- polo esforzo que deben facer na recollida selectiva. Neste sentido, os convenios rubricados recentemente establecen unha achega de 6.500 € para ampliar o número de colectores de papel e cartón e outra de 7.600 que irá destinada a colectores amarelos para envases de plástico, latas e bricks.

O Concello iniciará en breve os trámites para adquirir os equipamentos que, tal e como se marca no convenio, non se poden destinar a reposición, senón que se deben instalar en puntos onde nestes momentos non haxa depósitos para envases ou cartón. Todo apunta a que se mercarán uns 30 ou 35 colectores amarelos e está por ver a tipoloxía de colectores de papel que se instalarán, tendo en conta que con 6.500 euros -sen ive- daría para aproximadamente oito colectores metálicos ou ben para 14 ou 15 iglús feitos en plástico.

Lea también

Decomisados en Mugardos 167 kilos de vieira y los utensilios empleados para extraerlos ilegalmente

La Patrulla de Protección de la Naturaleza (Paprona) de la Guardia Civil en colaboración con …