O Belén clausura as festas de verán en San Sadurniño nunha fin de semana chea de actividades

Vai aló o verán. Rematará oficialmente este venres e con el deixaremos atrás, outro ano máis, case tres meses de troula aquí e acolá entre festivais, patróns e patroas e outras celebracións varias. En San Sadurniño a estación acabará coa festa do Belén, que todos os anos lle pon o ramo ao calendario local de sesións vermú e verbenas. O Campo da Feira -onde se atopa a capela- vestirase de gala o venres e mailo sábado, o primeiro día con churrascada e animación de Mayel e o segundo con Pekados e Nueva Fuerza. Non vai chover e, de facelo, haberá carpa. Ah, importante: quen queira ir á churrascada do venres á noitiña -21.00h.- debe contactar o antes posible coa comisión nos teléfonos 620 574 937 e 630 288 080. Xusto antes, a iso das 19.00h. e con tempo de sobra para empatar ambas citas, teremos na Casa da Xuventude a presentación do libro de Montse Fajardo «Matriarcas, mulleres en pé de vida». A fin de semana complétase coa disputa do XV Trofeo Concello de San Sadurniño de voleibol, coa excursión a Asturias organizada pola veciñanza de Lamas e coa proxección na Casa da Cultura do filme de Dani de la Torre «O descoñecido». Sobra onde escoller.

Como vén sendo habitual nos últimos anos, o Belén arrancará o venres cunha sesión gastronómica e musical que adoita ser cita obrigada para toda a avenida Marqués de Figueroa e tamén para moita outra xente de fóra que se achega polo apetecible dunha cea copiosa e ben barata que despois se baixa a base de baile.

Por un prezo único de 20€ servirase empanada, churrasco, cachelos, chourizos, sobremesa, viño e café e, insistimos, para apuntarse hai que chamar aos dous «funcionarios» repetidores, Adrián Gil ou Juan Manuel García «Cobelo», a través do 620 574 937 ou do 630 288 080. O arranque da fin de semana contará co grupo Mayel, que xa en 2016 se encargara de poñer música o venres á noite.

O sábado o programa festeiro comezará ás 13.00h. cunha misa e a posterior procesión, seguidas ambas da sesión vermú co grupo Pekados. Este compartirá coa orquestra Nueva Fuerza a responsabilidade de darlle marcha á verbena da noite, que arrancará a iso das 22.30h.

O Belén, punto de visita obrigado

A capela do Belén fundouse vencellada ao marquesado de San Sadurniño a principios do século XVIII. Está situada no cruce de camiños onde antano se celebraba a feira e moi preto do castro de San Sadurniño. É o único recinto relixioso do municipio que pode visitarse por dentro os 365 días do ano, xa que ten aberta a porta desde pola mañá ata a noite. No interior atesoura un pequeno retábulo coa figura da Virxe co Neno, obra de Carlos García.

O espazo forma parte da Ruta do Patrimonio de carácter circular deseñada polo Concello para dar a coñecer os elementos históricos que existen no núcleo municipal, entre eles o pazo da Marquesa, a igrexa de Santa María a Maior, o claustro do Convento do Rosario e o conxunto formado polo hórreo e a súa fonte. Esta ruta de 2.2 km. pode complementarse cos 3 km de percorrido da Ruta da Natureza que, con saída e chegada no Pazo, percorre o contorno do paseo fluvial e do arboredo de especies autóctonas.

Venres, 19.00h., presentación do libro «Matriarcas, mulleres en pé de vida»

Ademais do Belén do venres e máis do sábado, en San Sadurniño tamén haberá outras opcións culturais ás que atender durante a fin de semana. A primeira delas está posta para o venres ás 19.00h. na Casa da Xuventude, coa presentación do libro de Montse Fajardo «Matriarcas, mulleres en pé de vida». A obra recolle as biografías de dez mulleres que coas súas vivencias levan a mirada ao matriarcado que sostiña a sociedade galega de posguerra.

Fajardo estruturou o libro en dez capítulos, protagonizados por Gloria Lijó Cacharrón, Amalia Limeres, Pilar Osorio, Waldina Pereira, Delia Núñez, a mestra Dona Maruja, Luz Durán, Rosario Rodríguez, Tareixa Navaza e Carmen Meaños. As fotografías que ilustran o libro son obra de José Luíz Oubiña e Emilio Iniesta e o deseño é de Carlos Crespo.

Será a propia autora quen introduza a obra nun evento aberto a todos os públicos no que estará acompañada polo político e investigador da memoria histórica recente Luis Bará Torres, Concelleiro de Cultura en Pontevedra e autor do libro “Non des a esquecemento”, onde recopila textos publicados no blog do mesmo nome sobre a “memoria da Galiza represaliada e resistente”.

Deporte, cine e unha viaxe a Asturias

O adianto informativo sobre o que dará de si a fin de semana inclúe tamén deporte, coa celebración ao longo de todo o sábado do XV Trofeo de voleibol Concello de San Sadurniño, organizado polo CV Aldebarán. O equipo anfitrión recibirá ao Rotogal Boiro, ao Emeve Lugo e ao Dumbría nun torneo que arrancará coas semifinais ás 10.30h. e que deixará a loita polo 3º e 4º posto para as 17.00h. A final disputarase sobre as 19.00h. A cita será unha oportunidade de ver en acción ao equipo local trala renovación tanto do cadro técnico como de xogadores co obxectivo de subir nesta temporada á máxima categoría do volei estatal.

A fin de semana pecharase o domingo con dúas propostas ben distintas. Dunha banda está a viaxe cultural que organiza a asociación Xuntanza de Lamas á costa asturiana, con previsión de visitar Cudillero, Luarca e Navia. A excursión ten un prezo de 30€ para persoas socias e de 35 para non socias -menores de 12 anos, 15-, incluíndo nesa contía tanto o bus como o xantar. Para apuntarse hai que chamar ao 664 203 738 ou mandar un correo a avvlamas@gmail.com.

A outra opción cultural do domingo é unha nova sesión de cine na Casa da Cultura. A partir das 19.30h. proxectarase o filme «O descoñecido», do realizador monfortino Dani de la Torre. A película -que se pasará con entrada libre- conta a historia dun directivo de banca que percorre a cidade cunha bomba instalada no seu coche, abordo do que van tamén os seus fillos. Trátase dun thriller coprotagonizado polo ferrolán Javier Gutiérrez que recibiu unha chea de premios Mestre Mateo e varias nominacións aos Goya. De feito, levou o de mellor montaxe polo traballo de Jorge Coira.

Lea también

La formación en suelo pélvico y su gestión para prevenir patologías llega a Ortigueira en mayo

Tendrá lugar el viernes 24 en el Local Social de San Adrián de Veiga y …