A viaxe a Ferrol de George Borrow difundindo a Biblia

Dentro da programación cultural da sede de AFundación de Ferrol, desta rolda cumpre salientar a presentación dunha notable exposición sobre o V Centenario da Reforma Protestante, que ademais se acompaña dunha interesante mostra sobre a historia do protestantismo en Ferrol e a súa comarca. Un dos aspectos contemplados na devandita exposición é a viaxe por España e a presenza de tres días en Ferrol de George Borrow, representando á Sociedad Bíblica, dedicada á difusión e venta da Biblia protestante.

George Borrows, o autor de “La Biblia en España”, percorreu a nación española entre os anos 1836 e 1840. Coñecido como “Don Jorgito el inglés”, estivo en Ferrol a finais do verán de 1837 procedente de A Coruña, nunha viaxe por mar no que padeceu os rigores da illa da Marola. A primeira impresión que ten de Ferrol é deprimente: “apenas entré en la ciudad se apoderó de mi alma la tristeza. La hierba crecía en las calles; por todas partes me daban en la cara las huellas de la miseria”.

Malia todo, a cidade ilustrada e o Arsenal teñen moitas cousas que logo chaman a atención de George Borrow. Paseando pola cidade escribe: “Hay en el Ferrol algunas calles buenas y no pocas casas muy hermosas. La alameda es una plantación de más de un millar de olmos aproximadamente, casi todos magníficos”.

No que atinxe a súa visita ao Arsenal non pode deixar de expresar a súa admiración: “Yo he visto los astilleros de Rusia y de Inglaterra; pero en cuanto a su grandeza y suntuosidad, no pueden, ni por un momento, compararse con estos maravillosos monumentos del extinguido esplendor naval de España”.

A súa obra “La Biblia en España” publicouse o ano 1843 en Londres, sendo editada no idioma castelán o ano 1921 en Madrid, coa tradución e unha nota preliminar de Manuel Azaña. Con independencia dos obxectivos de carácter evanxélico e proselitista que guiaron a George Borrow no seu percorrido por España, a devandita publicación constitúe un magnífico libro de viaxes.

Pouca xente coñece que George Borrow ten unha praza dedicada no barrio ferrolán do Bertón desde fai moi pouco tempo, exactamente desde o 16 de xullo de 2013.

Lea también

La escritora Paula Merlán inaugura el viernes en Ferrol la Feria del Libro

Ferrol inaugura el calendario de Ferias de Galicia este viernes 19 con el pregón de la …