Finalizan as obras da Rúa Travesa en Fene

Rúa Travesa antes das obras – Concello de Fene

O Concello de Fene acaba de poñerlle o ramo ás obras de rehabilitación da Rúa Travesa, executadas no último mes e cumprindo os prazos previstos pola empresa José No Mantiñán e Hijos. Os traballos serviron para reparar o firme deste eixo viario e para instalar novas tubaxes tanto para o abastecemento de auga potable como para a condución das escorrentías. Ademais, a obra tamén mellorou a seguridade peonil dotando o trazado dunha pequena plancha de formigón que protexe as canalizacións e fai as veces de beiravía. Nesta infraestrutura investíronse cerca de 30.000 euros. Non serán os únicos que vaian parar a esta zona próxima ao centro urbano de Fene, xa que en escasos días tamén se licitará a reparación da Rúa Alta, que conecta a Travesa co cruzamento de Tarrío -ao pé da Jorge Juan-. Nese caso o proxecto está cifrado en 78.300 euros, sufragados con cargo ao POS+ 2017.

As obras acometidas na Rúa Travesa abrangueron unha distancia de 250 metros, entre os cruzamentos coa rúa Alta e Alcalde Gerardo Díaz. En todo ese traxecto substituíronse as vellas tubaxes por outras de polietileno de 110 milímetros con chaves de paso e arquetas de rexistro para acceder a elas. Tamén se instalou unha boca de rega na parte central da vía e, como remate da infraestrutura hidráulica, construiuse unha plataforma dun metro de ancho pola que poden circular viandantes. Debaixo dela quedaron instaladas tubaxes de PVC de 400 mm que recollen a auga da estrada e a das das baixantes dos tellados da zona.

A última parte do traballo centrouse na renovación da capa de rodadura, sobre a que se fixo un rebacheo antes de cubrila con asfalto aglomerado de 5 centímetros de espesor. Desta maneira déixase lista parte dunha rúa peculiar en canto ao seu trazado, posto que nela é practicamente imposible facer ancheados ou obras de maior envergura por ter vivendas a un lado e unha grande ribada no outro. Con todo, segundo o alcalde «o traballo fíxose a conciencia co obxectivo de mellorar a seguridade do tráfico e dos peóns, pero tamén evitar que se produzan roturas nas canalizacións soterradas, que levaban décadas dando problemas«.

Juventino Trigo sinala, ademais, que agora o Concello ten previsto continuar traballando na zona coa execución do proxecto de reparación da Rúa Alta desde o cruzamento coa vía recén amañada ata a conexión coa Rúa Tarrío, xusto ao pé do colexio Jorge Juan. A licitación das obras publicarase «dentro duns días» no Perfil de Contratante do Concello, co que quedará aberto o prazo de presentación de ofertas para un contrato cuantificado en 78.356,89 euros, ive incluído, que se custeará co Plan Único de Concellos 2017 -o POS+- da Deputación da Coruña.

O proxecto deseñado para a Rúa Alta busca incrementar a seguridade nun tramo de algo máis de medio quilómetro de lonxitude e 6 metros de ancho medio que soporta unha circulación moi intensa ao longo do día. Para iso botarase un novo firme de aglomerado coa súa correspondente sinalización. Neste sentido cambiaranse os actuais pasos peonís por outros sobreelevados que limiten a velocidade dos vehículos, especialmente ao carón do colexio Centieiras e na esquina da Jorge Juan.

Lea también

Decomisados en Mugardos 167 kilos de vieira y los utensilios empleados para extraerlos ilegalmente

La Patrulla de Protección de la Naturaleza (Paprona) de la Guardia Civil en colaboración con …