A Concellería de Igualdade de Narón abre o prazo de inscrición no programa ConciliaEscola de Nadal

A Concellería de Promoción Social e Igualdade de Narón informa de que este xoves, 2 de novembro, abre o prazo para que as familias que cumpran os requisitos poidan inscribir as súas crianzas no programa ConciliaEscola, unha iniciativa que pretende contribuír á conciliación da vida familiar e laboral. Poderán inscribirse os nenos e nenas de entre 4 e 12 anos que estean empadronados no concello de Narón cando traballen os dous proxenitores ou o pai, nai ou titor legal cando se trate de familias monoparentais.

A concelleira da área, Teresa Sabio, explicou que, como nos anos anteriores, se establecerán dúas quendas: a primeira, do 26 ao 29 de decembro, e a segunda, do 2 ao 5 de xaneiro, ámbalas dúas datas incluídas. O programa desenvolverase na Escola Domirón, pertencente ao Colexio Rural Agrupado de Narón, en dous horarios, a elixir polas persoas solicitantes: de 07,30 a 14,00 horas ou de 09,00 a 14,00. Cabe a posibilidade de facer uso do transporte –no primeiro horario só de volta e no segundo, tamén de ida- co obxectivo de facilitar o máximo posible o acceso á actividade.

A folla de inscrición pode descargarse na web do Concello –www.naron.es- ou no Rexistro Municipal, onde obrigatoriamente haberá de entregarse a solicitude. O custe para as familias deste servizo están regulados na ordenanaz fiscal número 15 do Concello de Narón: 8,15 euros por participante e quenda.

A concelleira de Promoción Social e Igualdade lembra que só se concederá unha quenda por participante, agás que existan vacantes noutras quendas. En calquera caso, as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Lea también

O BNG de Narón presenta unha moción sobre vivenda

O BNG de Narón presenta unha moción no pleno para frear o prezo dos alugueiros, …