O BNG de Ares rexeita o PXOM que o goberno municipal quere aprobar polo método “express” este xoves

O goberno municipal de Ares pretende, logo de oito anos de comezo dos traballos e tres e medio da aprobación inicial, aprobar provisionalmente o PXOM. «O documento que vai condicionar o futuro do  concello nos vindeiros 16 anos chega», segundo o portavoz municipal do BNG Emilio Mesíaslogo da ocultación e secuestro que o goberno municipal fixo durante todos estes anos, á aprobación polo método “express”; lembrando que a documentación do que se pretende aprobar o xoves nun pleno convocado para as 10 horas foille entregada aos grupos hai só unha semana

Sobre o procedimento, Mesías lembrou que “naceu viciado, porque o PSOE puxo en mans do ex concelleiro do PP, que foi activista na anulación do PXOM do 1999 (aprobado polo PSOE-BNG) a elaboración dun documento que debería ser xustamente a antítese ao que fixo o PP no goberno”. E fixo especial fincapé que desde comezo dos trámites para aprobar o documento “o goberno municipal negouse a implementar un proceso participativo, na exposición do documento polas parroquias; e tamén na negativa á petición feita polo BNG dun novo procedimento, á vista das irregularidades do presentado inicialmente”. O resultado é, segundo o portavoz do BNG “falla de transparencia e indefensión da cidadanía”

Emilio Mesías asegura que o alcalde “manipulou e mentíu en todo o proceso e puxo como exemplo o feito de que “estivo a dicirlle á cidadanía que as alegacións non se respondían porque non se podía facer até que estiveran todos os informes; cando os informes xa levan tempo no concello e aínda hoxe non houbo resposta ás persoas que alegaron”. E lembra que aínda hai pouco tempo “dixo que todos os informes eran favorábeis, cando de 15 só tres o eran; e o resto desfavorábeis ou con obriga de correccións”.

Discrepancias do BNG co documento

Ao respecto das discrepancias do BNG co documento presentado agora por PSOE-NAL-SONDEARES, queremos facer referencia aos seguintes aspectos:

Zonas verdes.– a maioría de zonas verdes que se definen son para cumprir os mínimos previstos polas leis e figuran vinculadas á execución de Plans Especiais (Castro en Lubre, A Xunqueira, Pedrós, Chanteiro …) que non pasan do capítulo das propostas

Equipamentos.- Non se contemplan necesidades perentorias como o prometido “centro polivalente”. Pola contra se manteñen equipamentos nos que se dilapidaron os cartos (Picadeiro de Montefaro, cidade deportiva de Pedrós, …) e nada se di dos usos da casa do lugar da Virxe, en Chanteiro, mercado recentemente

Sistemas xerais.– Non resolve a cuestión dun modelo sustentábel, no tocante á relación das persoas e vehículos, da circulación, nin en Redes nin en Ares.

No caso de Redes, teimase en levar os coches ao centro urbano, en troques de aparcadoiros disuasorios e dando coma “alternativa” apertura de novos vieiros que demostran espurios intereses…..

En Ares queda sen resolver o problema do acceso á zona portuaria e, en conxunto, ao que coñecemos tradicionalmente coma O Porto.
Non se definen aparcadoiros, agás o hipotético “mixto” que ficaría no tamén hipotético campo da festa.
Carece dunha necesaria definición dun novo sistema circulatorio para o núcleo de Ares, coa reserva de mais zonas peonís.

Atención aos conxuntos singulares e históricos de Redes e Ares.– Rexeitase a definición de zonas de rehabilitación para os singulares espazos de Redes e Ares, perdendo a posibilidade de acceder ás axudas das que están a beneficiarse outros concellos do noso entorno; e favorecer a rehabilitación como elemento dinamizador da economía e para asentar poboación

Núcleos rurais.– Queda ao descuberto outra grande mentira coa que o alcalde estivo a xustificarse nestes tres anos e medio; cando falaba como unha das virtudes no novo PXOM a ampliación dos núcleos que se definiran no PXOM do 99.

Os resultados son ben cativos: dos 21 núcleos que quedarán no novo PXOM, 18 son resultado do plan aprobado no 1999 e só 3 son de nova creación, por certo, vinculados a un número escaso de vivendas (S. Roque: 3, Rodelas: 7, A Rúa:2).
Evidencia unha falla de vontade política por asentar poboación no Rural, no que temos 1871 habitantes e 800 vivendas.

Estratexia de actuación e viabilidade económica.- A maioría das actuacións que se pretenden nos sistemas viarios, equipamentos, zonas verdes requiren dun proceso de expropiación que terán que asumir as arcas municipais, ao que haberá que engadir logo o financiamento para a execución efectiva dos proxectos. Os investimentos ascenden a 9.869.406 de euros, polo que os mesmos redactores do proxecto dubidan de que estes investimentos cheguen a producirse.

Lea también

As Pontes renova os convenios con Aspanaes e a Residencia A Magdalena

O Concello das Pontes renovou este lunes 22 os convenios de colaboración con Aspanaes e …