Constituido en Fene a agrupación poética «Moraima»

O pasado día 23 constituiuse na Casa da Cultura de Fene a agrupación poética «Moraima» [A Grafía da emoción], formada por participantes no obradoiro de escritura literaria organizado recentemente pola Asociación de Escritores en Lingua Galega en colaboración co Concello e a Deputación da Coruña. A finalidade do colectivo é promover a creación en lingua galega, ademais de espallar a fala, a cultura e a tradición por toda a comarca.

Segundo explican nunha nota de prensa, a razón de elixir o nome «Moraima» para a iniciativa literaria foi a de resaltar «a simbiose existente entre o poema de amor de Celso Emilio Ferreiro e a palabra Poesía, pois ao substituír a palabra Moraima pola palabra Poesía nese poema, descubrimos que reflicte á perfección a esencia da poesía e a razón de ser dunha/dun poeta».

Desde o colectivo literario faise un chamamento «a todas aquelas persoas creadoras de poemas, ás persoas sensibles coa poesía e co mundo literario en lingua galega» para formar parte do proxecto, que se reunirá dúas veces ao mes en Fene. Nos encontros proporanse temas a partir dos que iniciar o proceso creativo, pero tamén para comentar obras propias e alleas e incluso preparar actos e recitais. En definitiva, xuntanzas que sirvan «para mergullarse no mundo literario galego ou para aprender unhas persoas das outras».

Do grupo poético recén nacido forman parte Matilde Castro, Maribel Serantes, Mariola Hermida, Araceli Margareto, Candela Quintia, José Emilio Balado, Adelaida Abad, María Ortega, Mónica Cadavid, Xurxo Miguel Gago, Esther Val e Andrés C.M. Riveira.

Na súa maioría asistiron ao curso de escrita poética impartido polo escritor e poeta Pablo Bouza, promovido pola área municipal de Cultura e a AELG en colaboración coa Deputación da Coruña. Agora dán un paso máis emprendendo un camiño creativo propio chamado a converterse en referente poético de Ferrolterra e do resto de Galicia.

Lea también

Ares acada o epicentro de Atenas no marco do proxecto europeo ‘Sporural’

A concelleira de Deportes de Ares, Alma Barrón, e membros do equipo técnico deportivo e …