Concello de Valdoviño e movemento asociativo celebran a VIII Xuntanza Solidaria de Nadal

Casa da Cultura e Museo do Surf – Concello de Valdoviño

Un ano máis, e xa van oito, Concello e entidades veciñais e culturais do municipio unen esforzos na organización da Xuntanza Solidaria de Nadal. Unha cita coa que se busca recadar xoguetes para aquelas familias con menos recursos de Valdoviño. Celebrarase este domingo 10 de decembro, a partir das 16,30 horas, na Casa da Cultura. En lugar de entrada, a veciñanza pode poñer o seu graniño nesta causa solidaria entregando algún xoguete. Neste senso, solicítase que, en caso de ser de segunda man, esté en bo estado e, especialmente, non sexa violento nin sexista.

A VIII Xuntanza Solidaria contará coa visita do apalpador e, nela, ademáis de música e baile, nenos e nenas poderán gozar dunha chocolatada. Así mesmo, o programa da xornada completarase cun espectáculo infantil no auditorio da Casa da Cultura. Malasombra Producións trae a Valdoviño, a partir das 18 horas e con entrada de balde, “Os fabulosos cleaners”. Un espectáculo de pompas de xabón para todos os públicos. Unha experiencia visual para participar toda a familia.

O autor alacantino Luis Beviá, que percorreu medio mundo co seu universo xabonoso (Londres, Hong-Kong, México, Colombia, Perú, Cuba, Grecia ou Islandia, entre outros) dirixe a parte técnica deste sorprendente espectáculo. Aborda a historia de dous operarios da limpeza do teatro –Xoque Carbajal e Jouse García-, que descobren por casualidade as posibilidades que lles ofrecen as súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón. A partir de aí, os personaxes emprenderán unha excitante viaxe conducidos polas fantásticas pompas e burbullas.

O público sorprenderase e gozará con estas máxicas burbullas; pompas transparentes, con fume, con vapor, pequeñas, grandes, estáticas ou voando polo escenario. O espectador camiñará da man destes personaxes por un mundo máxico, cheo de cor e de moito, moito humor, e verase sorprendido dentro dun patio de butacas repleto de miles de pompas de xabón.

Lea también

Cocina, manualidades, cestería, risoterapia y baile, las propuestas de Ortigueira para sus tardes creativas

Las cinco actividades arrancan a partir de este lunes con 18 sesiones totales a la …