San Sadurniño anima á veciñanza a iniciar a campaña de trampeos de inverno contra da velutina

Velutinas capturadas en Naraío – Concello de San Sadurniño

A vespa velutina nigrithorax parece que está cambiando o seu comportamento por mor do verán extralongo que tivemos este outono. Neste tempo as colonias deberían estar xa inactivas ou a piques de morrer. Porén seguen aparecendo niños en pleno traballo, o que fai prever que se retrase a migración das novas raíñas para hibernar. Con todo, estamos entrando xa na campaña de trampeos de inverno, coa que se pretende capturar o maior número posible de raíñas fundadoras de novas colonias no momento en que abandonan os niños para hibernar. Por iso é importante poñer trampas compradas ou feitas artesanalmente nas proximidades de colmeares ou nos sitios onde aparecesen colonias recentemente.

San Sadurniño continúa sendo un dos municipios máis afectados pola praga da velutina. Segundo a última estatística oficial -a que conta o número de intervencións por parte da Xunta- a día 4 de decembro contabilizáranse “entre 26 e 100 niños”, aínda que o número case con total seguridade sexa moito maior se temos en conta que os avisos só adoitan darse cando as colonias aparecen preto de vivendas. Noutras zonas, como Valdoviño, Narón ou Ferrol, a cifra é aínda máis alarmante, posto que o mapa oficial de Medio Rural reflicte estes concellos en vermello escuro por terse superado os 100 casos… aínda que sen especificar se son 200, 300, 400 ou incluso máis.

O protocolo de vixilancia e control da Xunta establece que no caso de que atoparmos algún niño debemos chamar inmediatamente ao 012 para que nolo veñan retirar. Se non hai unha resposta da administración autonómica nun prazo razoable calquera persoa pode usar pola súa conta o traxe protector e a pértega incineradora que ten o Concello. Abonda con solicitala na Casa da Cultura.

Ademais de destruír os niños, unha das formas máis eficaces de loita que se coñecen polo momento é a captura de raíñas no momento en que deixan a súa colonia para pasar os meses máis duros do inverno. Recoméndase reiniciar nesta época un trampeo sistemático nos arredores de colmeares e lugares onde se atopase algún niño secundario nos últimos meses, aínda que xa fora retirado.

En internet hai ducias de tutoriais describen paso a paso tanto a fabricación como a preparación dos líquidos atraentes, nos que sempre se combina unha base alcólica con algún zume aromático e ben doce.

Hai dispositivos e líquidos comerciais moi efectivos, pero tamén máis caros. O caso é que, sexan compradas ou feitas na casa, as trampas deben colocarse preto das colmeas, nas hortas, en lugares onde aparecese algún niño… e en todos os lados que poidamos, coidando sempre de garantir que outra fauna autóctona -como a vespa crabro ou as avespas comúns- poida fuxir destes engados sen problema.

Por último, insistimos: se vemos algunha colonia de velutina que supoña un perigo debemos chamar ao 012 para que a eliminen.

Lea también

Decomisados en Mugardos 167 kilos de vieira y los utensilios empleados para extraerlos ilegalmente

La Patrulla de Protección de la Naturaleza (Paprona) de la Guardia Civil en colaboración con …