San Sadurniño leva a pleno a distribución do POS+

Instante dun pleno – Concello de San Sadurniño

O Concello de San Sadurniño convocou para a tarde deste xoves -19.30h.- un pleno extraordinario que terá como eixo principal do debate a proposta de distribución dos fondos do Plan Único de Concellos POS+ 2018 da Deputación da Coruña. San Sadurniño conta con algo máis de 638.000 euros dos que uns 197.000 se corresponden cunha liña de créditos que este ano non se utilizará para non sobrecargar no futuro a débeda municipal. Así, para gasto corrente e investimentos propiamente ditos quedan 440.000 euros, 200.000 para funcionamento municipal e case 240.000 para levar adiante a segunda fase da reurbanización da Avenida Marqués de Figueroa. Alén destas contías, o Concello tamén deberá aprobar proxectos por valor doutros 133.000 euros, que se financiarán máis adiante coas baixas que se produzan nos procesos de contratación. Nesa partida van dúas actuacións: a mellora da iluminación no campo de fútbol e no pavillón municipal e, por outra banda, a apertura dunha rúa que una o Convento do Rosario co colexio público.

O Plan Único de Concellos divide as asignacións municipais en tres capítulos: un correspondente coas previsións orzamentarias provinciais para 2018, outro cunha achega procedente da liquidación da Deputación de 2016 e un terceiro apartado en forma de crédito sen xuros e dous anos de carencia.

Ao noso Concello correspondéronlle algo máis de 638.000 euros que se aproveitarán acudindo só ás dúas primeiras posibilidades,é dicir, 200.000 para gasto corrente, uns 240.000 para investimento e non recorrer á posibilidade do crédito, que suporía 197.000 euros adicionais pero que habería que devolver nos próximos anos. Esta última fórmula, a do préstamo, xa se empregou anteriormente, como por exemplo para levar adiante as obras da Casa da Xuventude e do Centro Municipal de Empresas.

De acordo con este reparto, o Concello asignará 240.000 euros á segunda fase do proxecto de renovación das beirarrúas e máis do firme na Avenida Marqués de Figueroa -no que tamén vai incluído o acondicionamento do contorno da capela do Belén- complementando deste xeito a primeira fase das obras que comezarán en breve e que foran incluídas no POS+ 2017.

Ademais destes proxectos tamén se deberán ter en carteira outros a maiores que se financiarían coas baixas económicas que se produzan nos procesos de contratación. Neste sentido -e a expensas das bolsas económicas que se poidan xerar- a previsión municipal é dedicar outros case 133.000 euros a aforro enerxético cambiando a iluminación do campo de fútbol de Currás e a do pavillón municipal. Neses proxectos que permanecerán en stand-by ata que se confirme a dispoñibilidade de financiamento tamén se encontra a apertura e urbanización dunha rúa que conecte o Convento do Rosario co lateral do Pavillón Municipal e do CPI.

A diferenza de anteriores anualidades, na distribución do POS+ para 2018 non figuran proxectos de mantemento viario fóra do casco urbano. Pero iso non significa que non se vaian levar a cabo. De feito o Concello investirá en 2018 arredor de 200.000 euros de recursos propios nun ambicioso programa de reparación de pistas e camiños. De feito, a última Xunta de Goberno Local deulle o visto e prace aos proxectos e ao inicio do proceso de contratación duns traballos que prevén preto dunha trintena de actuacións distribuídas por todo o territorio municipal.

O Concello convocou o pleno municipal para este xoves, día 14, posto que toda a documentación deberá estar presentada na Deputación da Coruña o día 20 como moi tarde. Na sesión tamén se aprobarán as actas de sesións anteriores e volverá facerse o chamamento á toma de posesión da concelleira electa polas filas do PP Cristina Calvo Tuimil. Ao ser un pleno extraordinario non incorpora apartado de rogos de preguntas nin tampouco a posibilidade de intervención veciñal. Iso si, o pleno é público e, polo tanto, calquera pode seguilo desde a sala ou ben agardar a que o audio estea subido a internet minutos despois do seu remate.

Lea también

As Pontes invirte preto de 110.000€ na mellora da rúa da Balsa

O Concello de As Pontes investirá 109.053 euros, procedentes da Deputación da Coruña, no proxecto …