As mozas do proxecto»Teño unha horta en San Sadurniño» recibiron o accésit de Son Dixital

As mozas do proxecto «Teño unha horta en San Sadurniño» desenvolvido dentro da Aula CeMIT do Concello recibiron na mañán deste martes de mans de representantes da Xunta e da coordinación do Cemit-Innova o accésit ao premio Son Dixital outorgado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. O recoñecemento para “Teño unha horta…” vai dirixido ás súas protagonistas, Carmen Suárez -coordinadora da iniciativa-, Carmiña dos Pantís, Carmiña da Laxe, Cruz de Piñón, Lucita de Ernesto e Consuelo da Curuxa, en recoñecemento de como as persoas poden empregar a tecnoloxía de forma útil.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) convocou este ano o primeiro certame Son dixital para recoñecer as experiencias máis destacadas en innovación social dixital desenvolvidas desde as aulas CeMIT e a súa rede de entidades aliadas durante as tres últimas edicións do proxecto CeMIT-Innova, adscrito ao Plan de Inclusión Dixital Galicia 2020. Esta primeira edición tivo como obxectivo «recoñecer o traballo das persoas», tal e como sinalou Fernando Gil, Xefe da Área de Sociedade Dixital da AMTEGA.

Outorgáronse un premio e dous accésits. O proxecto ganador foi o portal www.innovanaron.com, creado e xetionado pola asociación Nuestra Señora de Chamorro  e as persoas con discapacidade intelectual que participan diariamente nos seus obradoiros. Un accésit foi para San Sadurniño e o outro  levouno o equipo de voluntariado composto por Sonia Moure, Daniel Diéguez, José Manuel Campos e Rocío Fernández, quen levaron adiante o programa Mira TICarballedo en relación coa formación en novas tecnoloxías para o emprendemento no rural.

“Teño unha horta en San Sadurniño” acadou o premio por tratarse, segundo o fallo do xurado, dun «bo exemplo do empoderamento da muller da contorna rural», destacando polo seu carácter innovador na forma de transmitir o traballo e a tradición a través de youtube. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia premiou os «relatos frescos, contados en primeira persoa dunha forma didáctica e divertida por estas cinco mulleres que amosan como a tecnoloxía pode transformar unha vida dedicada á labranza e coidado da terra e aos recursos naturais, dando visibilidade e importancia ao rol desempeñado polas mulleres labregas». Fernando Gil recoñeceulles o mérito ás protagonistas: «é de xustiza darvos este premio. O voso proxecto é unha realidade. Foi importante para vós, para que fixérades ver o voso traballo e para que se vexa tamén San Sadurniño»

Lea también

Decomisados en Mugardos 167 kilos de vieira y los utensilios empleados para extraerlos ilegalmente

La Patrulla de Protección de la Naturaleza (Paprona) de la Guardia Civil en colaboración con …