O Padroado da Cultura de Narón presenta unha vintena de espectáculos para o primeiro trimestre do ano

O Padroado da Cultura de Narón deseñou unha completa e variada programación de cara ao inicio do ano 2018. Entre os meses de xaneiro e principios de abril desenvolveranse no Pazo da Cultura unha vintena de espectáculos teatrais e musicais dirixidos tanto ao público infantil como adulto. Na programación inclúense cinco obras teatrais enmarcadas no Festival Singular, que terá lugar no mes de marzo.

Programación de xaneiro

A primeira das propostas da nova programación cultural no Pazo será a representación da obra Bernarda Alba (de Federico García Lorca), o vindeiro 13 de xaneiro ás 20.00 horas. Enmarcada no xénero do drama, esta peza, da compañía Delirium Teatro, conta a historia de Bernarda, unha nai autoritaria que impón ás súas fillas un loito de oito anos ao morrer o seu marido. A represión extrema remata en traxedia e a historia é un canto á liberdade do ser humano.

A programación de xaneiro continuará o día 14 coa representación de A Galiña Azul, de Tanxarina -18.00 horas-. Trátase dunha obra de teatro de monicreques protagonizada por unha galiña de cor azul e con cinco plumas vermellas que pon ovos de cores. A diversidade e a solidariedade centrarán esta historia dirixida a público familiar e infantil. Continuarán as representacións teatrais o día 20 –ás 20.00 horas- con O Rei morre, de Sarabela Teatro. Neste caso o protagonista da obra é Berenguer I, un rei que despois dunha noite de festa recibe a noticia de que vai morrer e non o quere crer. A súa muller e a exmuller adoptarán diferentes posturas mentres el adoita outra máis soberbia e non deixa de dar ordes.

Tamén no mes de xaneiro haberá destacadas propostas musicais, como un concerto da cantautora galega Sés o día 27 –ás 20.00 horas-. María Xosé Silvar, Sés, cantará temas do seu último disco, “Readmirando a condición”, que viu a luz este mesmo mes e é o seu quinto traballo discográfico.

Por último, a programación de xaneiro pecharase con teatro, concretamente cunha obra dirixida ao público familiar e infantil: O encoro enmeigado, de Os Monicreques de Kukas. O espectáculo terá lugar o día 28 de xaneiro –ás 18.00 horas- e ambiéntase nas Fragas do Eume. A historia transmite ao público unha clara mensaxe sobre a importancia de respectar o medio ambiente, valorar a natureza e conservar os bosques e ríos.

En febreiro

La comedia de las mentiras abrirá as propostas culturais no Pazo para o mes de febreiro. O día 3 representarase esta obra, enmarcada no xénero da comedia -20.00 horas-. Dous irmáns, Hipólita e Leónidas son os protagonistas dunhas historias centradas no amor e nas que cobrarán especial importancia outros personaxes, que representarán recoñecidos actores e actrices como Pepón Nieto, María Barranco, Canco Rodríguez e Angy Fernández.

O musical Dr.Queen, de homenaxe a Freddie Mercury, o día 17 de febreiro –ás 22.00 horas-; a obra de monicreques Pum, Pum!, protagonizada por Marieta, unha nena de cinco anos, o día 18 -18.00- e a ópera Aída, con música de Giuseppe Verdi e libreto de Ghislanzoni, o día 24 -20.00 horas-, coa Compañía de Ópera Internacional de Concerlírica, completarán a programación do mes de febreiro no Pazo da Cultura.

Concerto de Andrés Suárez, en marzo

Fot. Galicia Ártabra

As propostas para o mes de marzo comezarán co concerto de Andrés Suárez, cun primeiro adianto do seu novo álbum que se publicará en xuño: “El corazón me arde”, ao que se poderá asistir o día 3 de marzo -20.00 horas-. O cantautor galego interpretará tamén temas do seu álbum “Desde una ventana”, séptimo traballo deste galego e enmarcado nunha xira por varias cidades.

O teatro familiar e infantil será a seguinte proposta, o día 4 -18.00- co musical Peter Pan, de Tertulia Producción e continuará o día 11 -18.00- coa comedia O secuestro da bibliotecaria, protagonizada pola señorita Ernestina na vila de Paragón.

Festival singular

Tamén no mes de marzo terá lugar unha nova edición do Festival Singular, que inclúe cinco espectáculos: Emilia, de Teatro del Barrio, o día 8 -20.30 horas-; A noiva de Don Quixote, o día 9 -18.30-, de Eme2; A filla de Woody Allen, o día 9 -20.30-, de Ibuprofeno Teatro; Frida, de Iris Teatro, o día 10 -20.00- e, por último, A carreta pantasma, de Paula Carballeira, o día 17 -20.00-.

A música pechará a programación do Padroado da Cultura para o primeiro trimestre de 2018 cos concertos de De Vacas, o día 24 -20.00-, un cuarteto musical formado por unha guitarra e tres voces que versiona grandes temas que marcaron a varias xeracións, e outro de Ismael Serrano, o día 7 de abril -20.00 horas-, no que o cantautor español interpretará recoñecidos temas musicais, cun estilo influenciado por autores como Joaquín Sabina, Aute e Serrat, entre outros.

Venda de entradas

As entradas para os musicais Dr Queen e Peter Pan, e para o concerto de Andrés Suárez están xa á venda na billeteira do Pazo da Cultura o una web do Padroado –www.padroadodecultura.es-, metres que as dos restantes espectáculos poderán adquirirse a partir do 4 de xaneiro, tal e como anunciou a presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro. Desde o citado organismo animouse á veciñanza de Narón e comarca a asistir a estes espectáculos “cos que apostamos un ano máis por unha programación cultural na que priman a variedade e a calidade de tódalas propostas de teatro e música para públicos de tódalas idades, diversificando así un ano máis a oferta deseñada para o Pazo da Cultura”.

Lea también

Unha unidade móbil ADOS estará operativa o venres 26 en Narón, no barrio de Xuvia

Unha das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará este …