Dura crítica da CIG á política de persoal do alcalde de Ares, Julio Iglesias

 A CIG-Administración Pública da comarca de Ferrol remitiu un comunicado no que fai unha dura critica pola política de persoal do alcalde de Ares, Julio Iglesias, sinala que 

«Vimos de ver estes días na prensa que no concello de Ares prevén a contratación de 6 auxiliares para o reforzo do corpo de Policía local. Asunto incuestionable para nós, o reforzo do servizo a veciñanza, se non levaramos anos cunha nefasta xestión de persoal na policía local que leva a que na actualidade só haxa un funcionario en activo.

Os antecedentes desta situación arrancan da amortización efectuada no ano 2011 dunha praza de policía local e da non cobertura da última xubilación polo actual rexedor municipal que xa gobernaba daquela e á que nos opuxemos como central sindical por mermar o servizo sendo, deste xeito, o único concello da comarca que eliminou prazas.

Pero a situación agravouse desde hai algo máis de dous anos. Por unha parte, as gravacións efectuadas por un policía local das súas compañeiras nos vestiarios, o que levou a que quedara só o xefe da policía local traballando durante varios meses (sen que naqueles momentos o concello estimara a necesidade de contratar máis persoal), debido a baixa laboral e posterior condena penal do autor das gravacións, e a que a unha das policías gravadas abandonara Ares nunha comisión de servizo para outro concello. Doutra banda agudizáronse as discrepancias e a belixerancia do sr. Alcalde contra o xefe da policía local, tamén delegado de funcionarios/as de CIG no concello, con serios enfrontamentos persoais e profesionais, que acabaron por facer que esta persoa tamén optara por abandonar o concello, pola tensión que tiña que soportar diariamente. O clima de inmobilismo e de xestión do persoal por parte do alcalde, leva a que tampouco haxa policías que queiran vir en mobilidade nin en comisión de servizos para o concello de Ares».

O alcalde non quere negociar coa CIG

«O sr. Alcalde de Ares non quixo, nin quere, negociar coa CIG e os seus representantes os problemas dos seus traballadores/as, e opta pola política de que, a quen lle resulta incómodo faille a vida imposíbel até que se vai e lle deixa vía libre. Aconteceu xa coa anterior delegada de funcionarios/as de CIG, e aconteceu de novo no caso do xefe da policía local. Diante da gravidade dos feitos cometidos polo alcalde atentatorios contra o libre exercicio da función de representación sindical vímonos na obriga de presentar, no seu momento, denuncia penal por acoso sindical contra a nosa central sindical e contra o noso delegado. En primeiro lugar, por non facilitarlle información en relación a diversas irregularidades detectadas no ámbito da negociación dos orzamentos (entre elas, o cobro de complementos e de asistencias de forma irregular por algúns funcionarios, durante anos), e por non practicar ningún tipo de actuación nin investigadora nin reparadora das mencionadas irregularidades, que afectaron de forma grave ao funcionamento do concello (o transcurso do tempo fará que prescriban a maioría das cantidades indebidamente percibidas). En segundo lugar, por non tramitar o expediente disciplinario conforme á normativa, no caso das gravacións de mulleres efectuadas nos vestiarios, porque así o recolle, entre outras, a Lei de Coordinación das policías locais, e por non tomar medidas protectoras das traballadoras. Porque para frear as actividades sindicais que lle son incomodas, o alcalde recorre a Fiscalía para que investigue ao xefe da policía local (e delegado CIG) por reivindicar información e denunciar a falta de protección da intimidade das traballadoras.

A denuncia da CIG, en relación cos feitos antes sinalados, foi arquivada tamén nunha primeira instancia, pero este arquivo está recorrido e novamente argumentado polos nosos avogados para que se nos dea a oportunidade de presentar as probas que ratifican os feitos denunciados (recoñecidos incluso nun informe da Secretaría)».

Falta de talante negociador

«Os feitos que están a acontecer ultimamente en Ares reflicten a ineficacia na xestión de recursos, a inoperatividade, improvisación e falta de solución diante dos graves problemas acaecidos, tanto do alcalde como do seu grupo de goberno. E, sobre todo, a falta de talante negociador para solucionar as cuestións máis problemáticas. A contratación dos auxiliares de policía durante tempadas non pode substituír a labor do Corpo da policía local, que son os axentes autorizados e quen teñen atribuídas as funcións específicas nas vixentes leis de Forzas e corpos de seguridade.

E a mellor proba de que se trata dunha nova improvisación, é que o pasado día 12 celebrouse a Mesa de Negociación dos presupostos de 2018, e na documentación que se entregou aos participantes, contemplábase o mesmo cadro de persoal que nos anos anteriores e en ningún momento se fixo mención á notable variación que supón o incremento na contratación de Auxiliares de policía. Entendemos que esta non é a solución. O problema, como quedou dito, vén de anos atrás, coa eliminación de prazas, pero tamén cumpriría preguntarse por qué ningún policía de todo Galicia (despois de ofertalo a todos os cadros de persoal) se interesa por cubrir as prazas que actualmente non están ocupadas. Igual resulta que o Sr. Alcalde, o seu grupo de goberno, as súas políticas de persoal, e o seu trato aos traballadores, ten algo que ver».

 

Lea también

Valdoviño incorpora a la plantilla municipal tres auxiliares de Policía Local

El Ayuntamiento de Valdoviño incorporó a la plantilla municipal 3 auxiliares de Policía Local, aumentando …