Narón respalda a proposta formulada pola ANPA da escola rural de Pedroso para evitar o peche do centro o vindeiro curso 2018-2019

A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, manifestou o firme apoio do goberno local de Narón á reivindicación formulada polas familias de nenas e nenos matriculados na escola rural de Pedroso, que urxen unha reunión co delegado territorial de Educación, Indalecio Cabana, para tratar de que o centro continúe funcionando o vindeiro curso 2018-2019. “A medida que plantexan estas familias non require dotacións a maiores de profesorado nin de recursos e consiste en que se imparta o primeiro curso de Primaria na anualidade 2018-2019 para evitar o peche do centro e garantir que no curso 2019-2020 se matriculen de novo nenas e nenos suficientes para manter aberta esta escola rural”, explicou Taibo.

A edil naronesa subliñou que o goberno local defende “un ensino de proximidade que consideramos fundamental na zona rural, evitando desprazamentos innecesarios aos menores e cunha educación máis personalizada no seu propio entorno e un maior contacto co medio natural”. Estes aspectos facilitan, tal e como recalcou a concelleira de Ensino, “a primeira etapa da escolarización das nenas e nenos, moi importante para todos eles e que marcará as posteriores etapas da súa educación e, polo tanto, das súas vidas”.

A través das escolas rurais o alumnado está en permanente contacto coas tradicións da nosa cultura e o estilo de vida propio destas zonas, unhas vantaxes que permiten transmitir ás xeracións máis novas unha serie de coñecementos que debemos manter no tempo”, asegurou a edil de Ensino.

Taibo recordou que o Colexio Rural Agrupado de Narón comezou a funcionar no curso 1998-1999 e estaba integrado por sete escolas unitarias, das que na actualidade permanecen aínda operativas catro: O Val, Sedes, Domirón e Pedroso. Nesta última están escolarizados este ano nove alumnas e alumnos, dos que oito o vindeiro curso pasarán a primeiro de Primaria, debendo matricularse no centro adscrito, o CPI de San Sadurniño. O feito de que non estea previsto no 2018-2019 que se manteña o número mínimo de alumnado que Educación require para manter aberto o centro de Pedroso derivará no seu peche, “unha medida que desde o goberno local consideramos que se poderá evitar coa proposta plantexada polas nais e pais e que impediría o final dunha etapa nunha das catro escolas rurais do noso concello”, apuntou.

Lea también

Aberta a inscrición en Cedeira dun curso de “Monitor de tempo libre”

O Concello de Cedeira promove, a través da concellería de Promoción Económica e Emprego, un …

2 comentarios

  1. Cuando dicen que «respaldan»… supongo que se refieren a que van a poner fondos y recursos… no? O van a seguir siempre en lo del «apoyo moral» y nada más?