O Concello de San Sadurniño abre unha nova poxa polas vivendas de Bardaos e Naraío

Casa de Naraío – Concello de San Sadurniño

O Boletín Oficial da Provincia acaba de publicar as novas bases polas que se rexerá o alleamento das antigas escolas do Eirexado e das Loibas trala súa rehabilitación como vivendas unifamiliares en 2013. A venda farase mediante unha poxa pública cun prezo de saída de 61.193,74 euros para a de Bardaos e de 50.345,28 euros para a de Naraío. O prazo para presentar ofertas finalizará o 20 de febreiro. O único requisito para optar a mercar calquera das dúas casas é o de non ser titular de ningunha outra vivenda en San Sadurniño. Ademais, quen gane a poxa deberá destinar o inmoble a vivenda habitual e non poderá vendela en alomenos 5 anos.

Esta nova convocatoria supón unha importante modificación do proceso de alleamento anterior que, se cadra, aínda fai máis doado o acceso á vivenda para calquera persoa que busque casa. Os cambios principais no procedemento atinxen á parte económica, xa que unha nova taxación técnica baixou o seu prezo e, ademais, a persoa que resulte adxudicataria terá máis flexibilidade para afrontar o pagamento, posto que poderá satisfacer un 50% no momento de suscribir o contrato de compravenda e o outro 50% antes de que venza a anualidade da data de adxudicación.

O sistema de venda rexerase exclusivamente polo criterio do prezo máis alto. A cantidade de saída no caso da vivenda de Bardaos son 61.193,74 euros, mentres que a de Naraío partirá dos 50.345,28. Quen máis pague será quen quede coa vivenda á que opte, sempre que cumpra o requisito de non ser titular de ningunha outra casa en San Sadurniño no momento en que a Xunta de Goberno Local aprobou as bases do proceso de alleamento.

As propostas deberán presentarse en dous sobres. No sobre «A» irá unha fotocopia compulsada do documento de identidade da persoa ofertante e, de ser o caso, a documentación que acredite a representación se é que quen presenta a proposta o fai en nome doutra persoa. No sobre «B» irá a oferta económica, seguindo o modelo que figura no anuncio publicado no BOP do 29 de xaneiro de 2018 e tamén no Perfil de Contratante. O prazo inicial para achegar ofertas finaliza o 20 de febreiro.

Unha vez pechado o prazo de recepción de solicitudes, a Xunta de Goberno Local revisará nos 10 días seguintes que a documentación administrativa é correcta. Se houbese algunha con erros notificaráselle á persoa interesada, que terá 10 días máis para subsanalos. Cumprido ese período abriranse os sobres coas ofertas económicas e proporase a adxudicación de cada inmoble a quen ofrecese o prezo máis alto.

Se houbese empate nas ofertas daráselle prioridade á persoa que teña residencia na parroquia onde se encontre a casa pola que poxou. Se non houbese ofertantes da parroquia primarase a residencia en calquera outro lugar do concello.

Pódese botar solicitude para as dúas casas, pero no caso de que unha mesma persoa ofreza o prezo máis alto para as dúas deberá elixir unha delas, pasando a outra a quen propuxese o segundo prezo máis alto. A persoa que resulte adxudicataria da casa da que se trate deberá comprometerse a destinala ao seu uso como vivenda habitual durante un mínimo de cinco anos. Nese tempo tampouco poderá vendela. Se non cumprise, o Concello iniciaría o procedemento de reversión para recuperar a propiedade.

Os dous inmobles que se poñen á venda erguéronse sobre a base de dúas escolas unitarias que requirían unha intervención urxente. Foi entón cando o equipo de goberno decidiu rehabilitalas para convertelas en vivendas que tivesen un prezo asequible e que, ademais, xerasen emprego durante o proceso de reconstrución. De feito os traballos -que comezaron en abril de 2013- déronlle traballo durante medio ano a catro persoas que estaban en situación de desemprego.

Outro obxectivo desta actuación, concibida inicialmente como unha experiencia piloto, é o de «desenvolver unha política propia de promoción de acceso á vivenda que contribúa a fixar poboación no medio rural, poñendo no mercado dous inmobles en condicións certamente vantaxosas», tal e como apunta Secundino García.

¿Como son as casas?

A vivenda de Naraío está situada no lugar do Eirexado e é unha casiña de 72 metros cadrados en planta baixa asentada nunha finca pechada de 404 metros na que, ademais, hai un garaxe con capacidade sobrada para dous vehículos e unha pequena zona para xardín. No interior leva espazo para a cociña, un cuarto de baño xa equipado, dúas habitacións con posibilidade de baldas ou armarios empotrados e un grande salón orientado ao sur cunha zona acristalada que caldea a casa tan só cunha raiola.

A de Bardaos está situada no número 17 do lugar das Loibas e ten dous andares que suman 120 metros cadrados. No interior ten unha grande sala para cociña-comedor, un aseo e unha despensa que comunica coa zona da horta -a casa ten 572 metros cadrados de finca-. No primeiro andar hai dúas habitacións e un amplo cuarto de baño.

Calquera persoa que estea interesada en adquirir algunha das casas pode ir velas durante o prazo de licitación tanto por dentro como por fóra. Só ten que chamar ao Concello en horario de mañá -981 490 027- e concertar unha visita.

Lea también

La Guardia Civil investigó a un vecino de Miño por circular dos veces con su coche en sentido contrario el mismo día

El Grupo de Investigación y Análisis de Tráfico (GIAT) del Sector de Tráfico de Galicia, …

Un comentario

  1. Don Rafael Rey

    Muestra constatable del fracaso de las políticas bloqueiras allá por donde van. Casas que desde el año 2013 no son capaces ni de vender. El dinero invertido y como resultado… la nada más absoluta.