Nova edición das xornadas de Atletismo Divertido para o alumnado de Fene

Atletismo Divertido en Os Pinares – Concello de Fene

Máis de 600 alumnos de primaria participarán esta semana nas xornadas de atletismo divertido escolar que organiza a Concellería de Deportes do Concello de Fene. A actividade terá lugar no campo de fútbol dos Pinares (Perlío) os días 22 e 23 de marzo, de 10.00 a 13.00 horas, aínda que en caso de mal tempo, trasladarase ao pavillón polideportivo da Xunqueira (San Valentín).

Segundo o calendario previsto, o xoves 22 de marzo participará nas xornadas de Atletismo Divertido o alumnado dos colexios Os Casais, A Xunqueira e Centieiras, e o venres 23 de marzo, o do Ramo e Jorge Juan.

Coma en edicións anteriores, o “Atletismo divertido” concíbese como unha xornada deportiva na que se realizan diversas probas nun circuíto continuo, de xeito que todo o alumnado participa simultaneamente nas diferentes actividades. Así, todos os nenos e nenas poden coñecer de forma práctica as diferentes modalidades do atletismo de xeito divertido: carreiras, lanzamentos, saltos, etc.

As actividades que realizarán os/as rapaces/as son: salto lateral, lanzamento de precisión (de 1º a 3º), lanzamento de peso (de 4º a 6º), gymkana, lanzamento de xabelina, salto de lonxitude, carreiras de velocidade cunha distancia de 60 metros (de 1º a 3º), 60 metros vallas (de 4º a 6º) e relevos 4×80 metros.

Segundo informan dende a Concellería de Deportes, non se tomarán anotacións das diferentes marcas ou tempos realizados, para que o alumnado perciba estas xornadas dun xeito lúdico e non competitivo. Ademais, as actividades e a metodoloxía a empregar permitirán que o alumnado participe en todo momento nalgunha das estación deportivas, o que lles permitirá coñecer este deporte.

Amais de organizar as probas, o Concello de Fene farase cargo do transporte do alumnado e do profesorado responsable dende os respectivos centros de ensino até o lugar de realización das xornadas de atletismo divertido escolar.

Lea también

XLIV Memorial internacional Juan Varela-XXVII Trofeo de natación Concello de Ferrol

El concejal de Deportes, Ricardo Aldrey, ha presentado este miércoles 25 el XLIV Memorial internacional …