O convenio de colaboración entre o Concello e a Asociación Terra Rendible sobre ordenación forestal avanza no rural de Narón

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, desprazáronse na mañá deste mércores xunto con Carlos Caaveiro, enxeñeiro forestal da Asociación Terra Rendible, a varias parcelas de xestión de monte tutelado pola entidade localizadas na zona rural. O Concello mantén desde hai catro anos un convenio de colaboración con Terra Rendible –o último por un importe de 12.000 euros anuais- en base ao que se aposta pola ordenación das explotacións forestais no termo municipal, tal e como recordou Ferreiro.

O edil de Promoción Económica, Pablo Villamar, subliñou a importancia deste acordo, en canto que contribúe a “facer unha explotación racional do monte respectando as distancias de plantación e posibilitando accesos para facilitar a entrada ante posibles casos de incendios”. O concelleiro naronés destacou o feito de que “desde Terra Rendible se asesora aos propietarios das parcelas de todo o proceso, desde a plantación das árbores ata o momento da corta e posterior venda”.

En representación de Terra Rendible, Caaveiro asegurou que na actualidade “xa se empezan a ver os froitos dun traballo colectivo, que é tamén un traballo divulgativo de ensinarlle á xente como convertirse de propietarios en silvicultores”. O enxeñeiro destacou o feito de que “cada vez chegamos a máis xente e somos capaces de ir ordenando mellor o territorio” e subliñou a importancia de respectar e seguir unha serie de normativas e criterios de cara a ter producións “sustentables e rendibles”, así como do “traballo conxunto para obter maiores beneficios económicos”.

Pola súa parte, a alcaldesa, Marián Ferreiro, recordou que a entidade, constituída en Narón, conta actualmente con máis dun centenar de socios e destacou a labor que desenvolven en canto ao asesoramento dos mesmos “para obter unha maior rendabilidade das superficies plantadas e, ao tempo, informar sobre cómo ordenar o monte, algo que é moi importante para evitar posibles riscos”.

Durante parte da mañá, Ferreiro, Villamar e Caaveiro, visitaron varias parcelas da zona rural de Narón nas que os propietarios contaron co asesoramento do equipo de Terra Rendible. A distancia das plantacións das diferentes especies e a aposta por castiñeiros, cereixos e carballos en terreos forestais son xa visibles en varias fincas de Sedes e doutras parroquias de Narón.

A alcaldesa aproveitou o encontro deste mércores para valorar o traballo de Terra Rendible e abordar tamén novas colaboracións entre a administración local e a asociación en virtude ao convenio actualmente en vigor.

Lea también

El atrio de San Xulián de Narón lucira una talla del patrono confeccionada en el tronco de un árbol

Nuevamente el artesano de la piedra y la madera, y reconocido muralista Carlos García Romero deja …