O Concello de Ferrol acolle a mostra do 20 aniversario do Fondo Galego de Cooperación

Exposición na entrada do Concello – Concello de Ferrol

O vestíbulo do Concello de Ferrol acolle desde este venres 6 a mostra coa que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade conmemora os seus vinte anos de andaina.

Os cubos da exposición ‘20 anos a Fondo coa solidariedade’, ben coloridos e orixinais, xa están instalados na entrada do Concello, para divulgar e dar a coñecer entre a veciñanza o labor realizado por esta rede de administracións locais comprometidas coa solidariedade internacional, recoñecida como axencia municipal da cooperación galega.

Dar a coñecer a contribución de deputacións e concellos á erradicación das desigualdades Norte-Sur, ao tempo que se fomenta unha opinión pública favorable á cooperación para o desenvolvemento”, é o obxectivo desta exposición, segundo expoñen desde o Fondo, que contou neste singular deseño deseño co ilustrador Pepe Carreiro, autor dos sonados Bolechas.

Os paneis fan un repaso pola orixe do Fondo Galego, os proxectos apoiados ao longo destas dúas décadas en países empobrecidos ou as actividades de sensibilización implementadas en Galicia, entre outros contidos.

O Fondo Galego de Cooperación

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 95 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade celebrou en 2017 o seu vixésimo aniversario.

Lea también

La Mesa contra la Violencia de Género de Ferrol incluirá a ocho nuevas entidades

El alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidió esta mañana una nueva sesión de la Mesa …