Fene abre a inscrición na I Carreira Popular da Festa Mariñeira

Marcelo Rodríguez, Xoan Manuel Bastida e Samuel Bastida en rolda de prensa – Concello de Fene

Fene celebrará o vindeiro sábado, 8 de setembro, a primeira edición da súa Carreira Popular da Festa Mariñeira. Con saída e chegada no peirao de Barallobre, a inscrición está aberta na web www.carreirasgalegas.com e, en apenas uns días, máis de 120 deportistas confirmaron a súa participación. A organización corre por conta do Concello, o Club Atletismo Fene e a delegación en Ferrol da Federación Galega de Atletismo e, esta mañá, a Casa do Concello de Fene acollía o acto de presentación da proba, no que tomaban parte Xoán Manuel Bastida, concelleiro de Deportes; Marcelo Rodríguez Serantes, vicepresidente do Club Atletismo Fene, e Samuel Ramírez, secretario do mesmo.

Na súa intervención, Bastida subliñou que o Concello quixo facer coincidir a carreira coa festa mariñeira, sumando a esta outra festa, a deportiva, na que se anima a todo o mundo a tomar parte establecendo a gratuidade da inscrición. Servirá tamén, engadiu, para dar visibilidade ó Club Atletismo Fene, cuxa creación impulsou dende o departamento municipal de Deportes na súa anterior etapa ó fronte do cargo e que, hoxe en día, se atopa en plena consolidación, asistindo a competicións non só en Galicia e España, senón tamén a nivel internacional. A esta evolución se suma agora a posta en servizo das novas pistas deportivas do Pazo en Barallobre que, avanzou o concelleiro, confía en inaugurar oficialmente a mediados do mes de setembro. Así mesmo, sinalou a intención do Concello de habilitar nos terreos colindantes un circuito de cross tamén apto para competicións de ciclocross e BTT. En definitiva, un complexo deportivo para competicións de certo nivel.

Pola súa banda, Marcelo Rodríguez explicou que a carreira está aberta á participación de deportistas de oito anos en adiante. Haberá catro categorías: pequenos (do ano 2010 e posteriores), que realizarán un percorrido de 200 metros; medianos (de 2005 a 2009), que cubrirán un treito de 400 metros; adaptada, cun tramo de 200 metros e absoluta (de 2004 e anteriores) a realizar un percorrido de 5.000 metros nun circuito de 2,5 kms. Así mesmo, o vicepresidente do club destacou a boa acollida desta proba, con 123 inscritos que, confía, supere os 200 cando se peche a inscrición (o xoves, 6 de setembro, ás 23,59 h). Engadiu tamén que haberá trofeos para os tres primeiros clasificados na categoría absoluta masculina e feminina e medallas para o resto de participantes, así como trofeo para o deportista de maior idade (masculina e feminina) e diferentes agasallos cedidos por firmas colaboradoras.

Precisamente, Samuel Ramírez quixo agradecer a confianza do Concello; o apoio de patrocinadores (Bodegas Barral, Gadis, Sedega, Coca Cola) e entidades (Protección Civil e Club BTT Fene) e a paciencia anticipada da veciñanza de
Maniños e Barallobre. Engadiu que os deportistas terán á súa disposición, sen custe, un roupeiro para deixar as bolsas e un servizo de duchas no pavillón. Isto, coa intención de facilitar a súa asistencia á Festa Mariñeira. Por último, apuntou que a carreira dará comezo ás 11 horas e que a recollida de dorsais realizarase no propio peirao dende as 9 horas.

Lea también

Javier Gómez Noya elegido Campeón de Campeones por los miembros de la Federación Internacional de Triatlón

El ferrolano Javier Gómez Noya ha sido elegido «Champion of champións» , el mejor campeón …