Nova publicación de Llorca e Burgoa, «Memoria histórica do barrio da Magdalena»

 

Na sociedade moderna cada vez é maior o interese no estudo da historia local, pescudando no pasado por selo mellor indicador da evolución cultural dun pobo. O coñecemento do pasado enriquece o presente e permite que o futuro coñeza as súas raíces. Os estudos locais permiten coñecer e catalogar o Patrimonio Histórico, como paso previo a súa protección e difusión.

Como ocorre en tódalas cidades, a historia de Ferrol e o seu Patrimonio Cultural non se pode entender sen coñecer a memoria histórica dos seus barrios. Recentemente Juan J. Burgoa e Guillermo Llorca lembraron en sendas publicacións anteriores a historia dos barrios de Ferrol Vello e Esteiro. Desta rolda fan o mesmo co barrio da Magdalena, o xermolo de Ferrol da Ilustración, coa publicación «Memoria histórica do barrio da Magdalena»

A Magdalena naceu como barrio dos funcionarios e comerciantes, unido por unha ampla alameda con Esteiro, o barrio de traballadores, e con Ferrol Vello, o barrio mariñeiro, que xunto con Canido, o barrio agrícola alto, conformaron o Ferrol do século XVIII. Precisamente a fermosa pintura de Jorge Llorca que adobía a portada deste libro ven a ser unha síntese do barrio da Magdalena, a fonte de San Roque, obra de século XVIII, e o chalé de Antón, obra modernista de Rodolfo Ucha. Así é fundamentalmente a Magdalena: Ilustración e Modernismo.

Con esta publicación, os cordinadores da obra, Guillermo Llorca e Juan Burgoa trataron que o Patrimonio Histórico de Magdalena quedase reflectido nunha visión multidisciplinar de diferentes colaboradores. Na obra, publicada pola editorial Embora e prologada polo alcalde de Ferrol Jorge Suárez, ademais dos traballos de Guillermo Llorca, que estuda a oferta hosteleira do barrio, e de Juan Burgoa, que percorre a obra modernista de Rodolo Ucha, aparecen ata vinte (20) traballos, en galego e en castelán, de coñecidos historiadores e historiadoras, coñecedores da nosa cidade.

Así temos os traballos de Alfredo Vigo (A construción do barrio), Margarita Sánchez (San Xiao e os templos ferroláns), María José Leira (Os espazos verdes), Pedro J. Gonzalez (A escultura pública), Eva Ocampo (O Teatro Jofre e os teatros de Ferrol), Carlos de Aracil (Os elementos heráldicos), Alfredo Martín (A poboación e a sociedade), Carmen Porta (O edificio da cárcere municipal) e o recordado Álvaro Porto Dapena (A toponimia do barrio).

Seguen otros traballos de Xaime López (O Coro Toxos e Froles), Eliseo Fernández (O Centro Obreiro de Cultura), Vicente Araguas (O comercio da Magdalena), Aurora Vázquez (Os cines do barrio), Blanco Llano (As sociedades culturais e recreativas), Pilar Blanco (Os Ateneos), Juan Malvar (As galerías fotográficas), Jorge M. Deza (O deporte ferrolán), Francisco Oca (Estampas do barrio), rematando a publicación cunha síntese da Magdalena vista polos viaxeiros e literatos, obra de Juan J. Burgoa.

Como din os autores, o seu traballo rematou ao mostrar nesta obra o rico Patrimonio Histórico da Magdalena. Agora é o momento dos políticos e dos xestores, que deben actuar sobre o Patrimonio Material. Rehabilitar, restaurar e mesmo remodelar o barrio, as súas ruas, súas vivendas e súas construcións emblemáticas. Nada peor para un pobo que a perda dos seus sinais de identidade.

Lea también

El Concello de Ferrol celebrará ‘Regalarte’ en la Plaza de la Constitución

Llega una nueva iniciativa organizada por el Concello de Ferrol, el mercado de arte ‘Regalarte’ …

Un comentario

  1. Eliseo Zaera Ríos

    *Nhoraboa a estes incansables investigadores, historiadores e cronistas desta singular cidade, Ferrol, que ás veces parece indiferente ou ausente desa realidade estraordinaria que é a súa istoria. Juan Burgoa e Guillermo Llorca, xunto con un gran ramillete de colaboradoras/es que eles souberon seleccionar, presentan unha obra, unha vez máis, que leeremos con atención, interese e agarimo. Apertas e a seguir ilustrándonos, grazas.