Alumnado do curso Practicum da Escola de Teatro de Narón representará no Auditorio o traballo «Sabe túa nai onde estás?»

A programación das Mostras de Traballo Escolar correspondentes ao curso 2018/2019 da Escola de Teatro do Padroado da Cultura de Narón continuará esta semana cunha nova proposta. O vindeiro venres, día 15, o alumnado do curso Practicum representará o traballo «Sabe túa nai onde estás?» a partir das 20.30 horas no Auditorio municipal. A entrada é de balde, ata completar o aforo.

Os alumnos e alumnas interpretarán grandes temas musicais que contan diferentes historias. Traballando a voz, o baile e a interpretación, cantarán en directo varios temas, a modo de contos cantados, tal e como explicou a directora da Escola de Teatro de Narón, Flor Maceiras.

O elenco desta peza está formado por Luís Pillado, Cris Balseiro, Alejandro Martín, Susana Mauriz, Brais Rey Campos, Chani Hernández, Frankie Muíño, Carmen Caeiro, Adelaida Abad, Marián Rei e Cristina Mariño, dirixidos por Beatriz García nesta obra producida pola Escola de Teatro do Padroado da Cultura de Narón. Trátase dunha peza dunha duración aproximada dunha hora.

Esta representación supón o remate das clases de Teatro musical impartidas pola actriz e cantante Beatriz García, exalumna da Escola de Teatro de Narón e que o curso pasado iniciou ás persoas que forman o elenco desta obra nun obradoiro de Teatro musical, afondando o presente curso nesta mesma materia. O alumnado do Practicum realiza un curso moi especializado, dirixido a persoas que remataron a súa formación na Escola de Teatro da cidade

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …