A opaca muralla do Arsenal de Ferrol

 


                                                                                                          Parece, mar, que luchas por encontrarte
                                                                                                         o porque yo te encuentre
                                                                                                         Juan Ramón Jiménez
Na segunda metade do século XVIII, o Arsenal de Ferrol foi cercado por unha muralla de pedra e un foxo alimentado de auga do mar, estendendo o seu peche desde o porto de Curuxeiras ata o Real Estaleiro de Esteiro. Esta obra da Ilustración foi visitada en xuño de 1755 polo Pai Sarmiento, que escribiu que se trataba de “un grande canal o foso hasta el astillero, capaz de barcas y comunicación”, separando o Arsenal e a nova cidade de Ferrol “que se hará cogiendo la ladera del Norte”.

Desaparecido o foxo por razóns de salubridade, hoxe a muralla do Arsenal, duns sete metros de altura, esténdese ao longo duns mil metros entre as Portas do Dique e do Parque, separando física e mentalmente un Arsenal e unha cidade que naceron xuntos por unha decisión da Coroa. La muralla, o “murallón” para os ferroláns, establece unha antiestética barreira que illa a Ferrol das augas da ría, significando ademais un innegable baldón nese fracasado camiño cara ao Patrimonio da Humanidade.

No último terzo de século XIX, por mor da construción do novo dique de San Xulián ou da Campá, derrubouse o tramo da muralla orixinal do século XVIII comprendido entre a porta do Dique e a zona onde hoxe se levanta o edificio da Pescadería, sendo substituída por unha muralla de nova construción, previa ocupación dun terreo pertencente á cidade, coa conseguinte destrución de parte da Alameda orixinal do século XVIII.


Esta parte da muralla, que non é a orixinal da época da Ilustración, debería derrubarse e substituírse por un enreixado metálico, dotado das axeitadas medidas de seguridade, similar ao colocado pola Empresa Navantia na zona do Estaleiro situada fronte á praza das Angustias. Deste xeito, quedaría á vista pública e poñeríase en valor o monumental Dique da Campá construído baixo a dirección de Andrés Comerma.

De momento poderíase manter como está o resto da muralla (que realmente é a orixinal), estendida desde a Pescadería ata a Porta do Parque, ao longo do chamado Puerto Chico do Arsenal, un singular espazo do século XVIII, hoxe afeado abondo por unha serie de construcións industriais de época posterior, de nulo interese estético, que ademais, caso de derrubo da muralla, amosarían á vista a súa parte traseira por estar dando fronte ao mar.

O problema da muralla de peche do Arsenal Militar está a pedir unha solución global, dentro do illamento da ampla fachada marítima que se estende entre as enseadas da Malata e Caranza. Unha solución que debe ter en conta os respectivos peches das instalacións da Empresa Navantia e da Autoridade Portuaria, que separan a cidade de Ferrol das augas da ría.

Nesa solución cumpre incluír unha decidida actuación do Concello de Ferrol, derrubando eses horribles edificios situados a continuación da Pescadería que nunca se deberon levantar na Alameda. Deste xeito poñeríase en valor o paseo e avenida dos Irmandiños, hoxe convertida nunha incómoda e antiestética arteria circulatoria. Semella claro que estas próximas eleccións municipais do mes de maio constitúen o momento axeitado para que os partidos políticos inclúan esta aspiración cidadá no seu programa.
Como escribiu en certa ocasión un historiador local, a muralla do Arsenal semella ter hoxe en día máis a función de impedir que saian os que están dentro que o feito de evitar que entre alguén no seu interior.

Lea también

Xavier Alcalá e Manel Cráneo presentan en Ares a novela gráfica ‘Cinza’

O salón de actos da Alianza Aresana acolle o venres 19 de abril, ás 19:30 …