Neda propón descubrir en familia a historia e o patrimonio local

En Neda, a concelleira de Educación, Cultura, Patrimonio e Turismo, Cristina Bouza, presentou na mañá deste luns na Casa das Palmeiras o proxecto «Misión: Neda!», dirixido a rapazada de Educación Primaria canda as súas familias. A iniciativa está concibida como unha serie de tres cadernos didácticos e máis unha web -www.misionneda.gal- que resumen a historia do municipio desde o Neolítico até a actualidade. Un percorrido ilustrado con fotografías do patrimonio nedense, mapas interactivos e tamén lendas que, ademais, leva asociada a resolución dun enigma final que nenas, nenos e persoas adultas terán que resolver percorrendo o territorio. A aventura de «Misión: Neda!» comezará este venres coa entrega do primeiro caderno e a carpeta da colección nos CEIP de Maciñeira e San Isidro, aínda que tamén se poderá recoller na Biblioteca Municipal. O obxectivo principal desta proposta educativa e de lecer é implicar as familias no descubrimento de toda a riqueza histórica e patrimonial do concello, contribuíndo ademais a reforzar o apego social ao territorio.

Neda ten mámoas, castros, rúas medievais, muíños, igrexas, lendas e unha chea de recursos materiais e inmateriais que agora se unen en dous soportes principais: dunha banda a web www.misionneda.gal e, doutra, tres cadernos impresos que se irán entregando quincenalmente a partir do venres.

Tanto a web como os cadernos van relatando a historia de Neda dos últimos 70 séculos, empezando polos vestixios do Neolítico -como por exemplo a mámoa de Marraxón ou os petróglifos da Rabadeña- ata chegar practicamente ao presente.

Un percorrido pola historia

«Nese percorrido pasaremos polos tempos da cultura castrexa e da romanización, veremos as orixes da Real Vila de Neda e o seu desenvolvemento vinculado co mar, pero tamén co comercio, co pan e co camiño a Compostela. E todo iso terémolo á man en Misión: Neda!  cunha linguaxe directa e comprensible, ilustrado con fotografías actualizadas e planos en Google Maps que facilitarán descubrir o patrimonio e as orixes do que hoxe é Neda«, explica Cristina Bouza.

O proxecto botou man de distintas fontes bibliográficas que falan de Neda, atendendo principalmente a estudos  coma os desenvolvidos polo desaparecido cronista Antonio Vázquez Rey ou os traballos de Manuel Grueiro, entre outros. O resultado «é esta iniciativa que hoxe presentamos que, en último caso, pretende reforzar o sentemento de pertenza da veciñanza ao seu concello a través do coñecemento de todos os segredos que garda», tal e como asegurou a concelleira na mañá deste luns.

Para iso proponse “unha misión” que arranca este mesmo venres nos colexios de Maciñeira e San Isidro presentándolle á rapazada a carpeta e mailo primeiro caderno didáctico do proxecto. «Buscamos que os nenos e nenas se interesen en descubrir o territorio no que viven e que o fagan coa axuda imprescindible dos seus pais e nais. Para espertar a súa curiosidade plantexámoslles descubrir un enigma final composto por 22 letras que irán aparecendo en distintos lugares do concello coincidindo coa entrega de cada caderno, onde se indica o lugar exacto onde se encontran. As familias terán que ir aos sitios e ir anotando as letras na carpeta do proxecto e, unha vez as teñan todas, poderán entrar no sorteo dunha táblet».

Os cadernos e as letras correspondentes entregaranse nos colexios de un en un: o primeiro este venres 15 de marzo, o segundo o venres  29 de marzo e o terceiro e último o venres 12 de abril. O último día para verificar que se resolveu o enigma -tanto nos colexios como na biblioteca municipal- será o venres 26 de abril. As táblets sortearanse e entregaranse  á semana seguinte.

Pero hai máis. E é que o material chegará ás escolas neses tres venres da man de tres personaxes, reais ou ficticios, de cada momento da historia de Neda. A deste venres será Laureana, «unha das protagonistas da coñecida lenda ambientada no monte de Ancos», e as dos dous venres seguintes serán tamén mulleres, interpretadas pola actriz Silvia Casal. «Deste xeito tamén pretendemos visibilizar o papel da muller non só como protagonista da historia, senón tamén como parte fundamental da súa construción».  

A titular de Educación e Cultura tamén destacou que Misión: Neda! é un proxecto «aberto á participación de calquera, non só para as familias e a rapazada de Primaria de San Isidro e Maciñeira». De feito, as familias de dentro e fóra de Neda con rapaces e rapazas de ata 14 anos que queiran emprender a aventura de descubrir o enigma final poderán recoller a carpeta e os cadernos na Biblioteca Municipal, onde tamén fará falla botar a papeleta para o sorteo das táblets unha vez se verifique que a orde das 22 letras e, polo tanto, a frase final, é a correcta.

Bouza incidiu en que este proxecto «vén sumarse ao material didáctico existente sobre o noso concello, entre o que cómpre mencionar a serie Revista de Neda e outras publicacións de carácter máis ben especializado que se poden consultar na Biblioteca Municipal». A este respecto a concelleira engadiu que «un dos principais valores de Misión: Neda! é que se trata de algo asequible a todo tipo de público, procurando que a historia de Neda e as referencias ao seu patrimonio vaian xuntas, en orde cronolóxica e en relación co contexto da historia de Galicia e do resto da península».

Por outra banda, a concelleira tamén destacou que se trata «dun proxecto multiplataforma, posto que une o formato  clásico dunha unidade didáctica impresa, unha web relacionada, unha busca do tesouro e tamén unha pequena representación escénica nos centros de ensino».

Lea también

La Mancomunidad de Concellos celebró en Valdoviño una jornada técnica de turismo

Valdoviño acogió esta semana una charla técnica organizada por la Mancomunidad para dar a conocer …

Un comentario

  1. Luis María Taboada González

    Muy buena y original idea.
    Es una pena que muchos ciudadanos conocemos muy poco de nuestra historia, incluso de la más reciente.
    Confío en que les salga todo muy bien.
    Felicidades.
    Un cordial saludo Luis María Taboada