Alumnos de sexto curso de primaria do colexio de Piñeiros visitaron a Casa do Concello de Narón

Unha vintena de escolares de sexto curso de educación Primaria do colexio de Piñeiros visitaron a Casa do Concello de Narón. A alcaldesa, Marián Ferreiro, recibiunos no salón de plenos e respostou ás preguntas que lle formularon, maioritariamente relacionadas co día a día á fronte da administración local, proxectos para a cidade e conciliación da vida laboral e familiar. Ferreiro agradeceu a visita aos rapaces e rapazas, que recibiron tamén un agasallo en recordo do seu paso polo Consistorio.

Na convocatoria desta mañá os nenos e nenas tiveron a oportunidade de ver Coñece Narón, un vídeo educativo para explicar o Concello dun xeito lúdico. Este recurso educativo ten entre os seus obxectivos, tal e como indicou Ferreiro, “conseguir que o alumnado de sexto curso de Primaria se interese pola historia da cidade e o funcionamento da administración local”. O vídeo relata a través dunha pequena historia a identidade de Narón como concello de terra e mar, describíndose tamén no mesmo a simboloxía do municipio. Ao final preséntase a vida política municipal e o seu funcionamento e tamén se fai un pequeno percorrido pola vida de persoas que traballan no Concello (políticos e técnicos).

“A partir de hoxe, a través do programa municipal de Recursos Educativos de Apoio á Escola, concretamente no marco das visitas escolares ao edificio do Concello, contamos con este novo vídeo, adaptado ás idades do alumnado de sexto curso de Primaria e que reforza o traballo pedagóxico que desde hai anos realiza o Concello coa comunidade educativa da cidade”, destacou a alcaldesa

Lea también

Unha unidade móbil ADOS estará operativa o venres 26 en Narón, no barrio de Xuvia

Unha das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará este …