Preto de 600 estudantes participarán xoves e venres nas Xornadas de Atletismo Divertido do Concello de Fene

Atletismo Divertido en Os Pinares – Concello de Fene

Uns seiscentos rapaces e rapazas dos centros educativos de Fene tomarán parte este xoves e venres nas Xornadas de Atletismo Divertido que organiza o Concello a través da Concellería de Deportes que dirixe Xoán Manuel Bastida. Á vista das condicións climatolóxicas previstas para esta semana, as actividades realizaranse no pavillón de A Xunqueira en horario de mañá, dende as 10,20 horas aproximadamente. O xoves participarán os estudantes de Educación Primaria do Colexio Jorge Juan de Perlío e CPI A Xunqueira, namentras que o venres tomará o relevo o alumnado do CEIP O Ramo, CEIP Centieiras e CEIP Os Casais.

Segundo explicou Bastida, son unhas xornadas completamente lúdicas, para que nenos e nenas coñezan as diferentes modalidades do atletismo xogando e divertíndose.

As probas a realizar serán salto lateral, lanzamento de peso/precisión, ximkana, lanzamento de xavelina, salto de lonxitude, velocidade (50 metros), 50 metros vallas e carreira de relevos. Entre as 11,05 e 11,25 nenos e nenas daranse un descanso para a merenda.

O Concello, que organiza a actividade, asume tamén os custes dos monitores, transporte dende os colexios e avituallamento e as actividades realízanse con material adaptado ás diferentes idades do alumnado.

Lea también

El BAXI Ferrol ganó con autoridad en la cancha del Arxil

Gran triunfo del BAXI Ferrol en Pontevedra, para celebrar su partido 500 en competiciones FEB, …