TEGA dá a coñecer a candidatura ás municipais no transcurso dunha cea con afiliados e simpatizantes

A candidata de Terra Galega á alcaldía de Narón, Marián Ferreiro, presentou este venres no pavillón Campo da Serra (Santa Icía), ante máis de setecentos militantes e simpatizantes do partido, a candidatura para as eleccións municipais do 26 de maio.

O secretario xeral de TEGA, Guillermo Sánchez Fojo, encargouse de dirixir unhas palabras aos asistentes ao inicio do acto, que deu comezo ás 21.30 horas, para a continuación dar paso a Marián Ferreiro. A candidata de TEGA iniciou a súa intervención agradecendo a asistencia de todas as persoas que acudiron ao pavillón Campo da Serra, e amosando a súa satisfacción por presentar “ao equipo que gobernará a nosa cidade nos vindeiros catro anos”. A continuación, agradeceu tamén aos vinte e tres integrantes da lista o seu compromiso co proxecto de futuro de TEGA para Narón, nomeándoos un por un para que subisen ao escenario.

O posto de peche da lista é para José Manuel Blanco (A Gándara), exalcalde da cidade e do que Ferreiro destacou que “para min é un referente, un home cunha enorme capacidade de diálogo e consenso”. A candidata de TEGA destacou as cualidades do seu antecesor á fronte do goberno municipal da cidade, subliñando que “lle tocou gobernar Narón no peor dos momentos pero aínda así foi quen de facelo con éxito”. A continuación, Ferreiro seguíu nomeando e definindo a cada unha das persoas que completarán o listado, en orde descendente, do vinte e tres ao dous. Marta Otero Filgueiras (Alto) ocupará o posto 23 e, na lista, seguirán por esta orde: Iria Saavedra Borreiros (Castro); María del Carmen Espada Cortizas (Freixeiro); Pilar Testa (Pedroso); José Gonzalo Niebla (Doso); Lucía González (A Gándara), Carlos López (Sedes), Bruno González (Freixeiro); Genma Alonso (O Couto); Rubén López (Santa Icía); Eva Romero (A Gándara); Roberto Naveiras (San Mateo); Olga Ameneiro (O Alto); Mercedes Taibo (O Alto); Mar Gómez (O Val); José Oreona (Santa Icía); Guillermo Sánchez Fojo (Santa Icía); Román Romero (A Gándara); Ibán Santalla (Xuvia); Pablo Mauriz (O Alto); Natalia Hermida (Freixeiro) e Manuel Ramos (Castro).

“Estou moi contenta de presentarvos a este equipo de xente de Narón, un equipo que dá continuidade ao que leva xa catro anos transformando o noso municipio, que convertiu Narón na oitava cidade de Galicia, nun municipio punteiro en calidade de vida, alternativas culturais e deportivas, zonas verdes, dinámico e lugar de oportunidades”, subliñou Ferreiro. A candidata de TEGA destacou a ilusión do equipo e fixo tamén un repaso polos avances que experimentou a cidade nos últimos anos. “En Narón somos cultura, somos deporte, somos tradición, progreso e calidade de vida”, asegurou, destacando cifras como os 13.000 alumnos e alumnas que pasaron na última década polas Escolas Culturais Municipais, os máis de 50.000 espectadores que acuden cada ano aos espectáculos do Pazo, ou as 70 entidades deportivas que enriquecen o tecido deportivo da cidade. A maiores, a candidata de TEGA incidiu no traballo realizado para a posta en marcha de centros cívicos como o de Pedroso, as importantes actuacións levadas a cabo en materia de accesibilidade e eficiencia enexética, o impulso ao sector empresarial e o investimento de máis de 4,5 millóns de euros nos últimos catro anos para ampliar a rede de saneamento no rural de Narón.

“O Narón que construímos entre todas e todos é totalmente diferente ao que tiñamos hai corenta anos: hoxe somos calidade de vida”, afirmou Ferreiro, que asegurou a continuación que “non nos damos por satisfeitos, queremos máis e no equipo de Terra Galega temos forzas renovadas para construír o Narón do futuro, o que desfrutarán as nosas fillas e fillos, as nosas netas e netos e nós mesmos, porque o proxecto está xa en marcha”. Respecto a ese futuro inmediato a candidata de TEGA avanzou parte deses proxectos, como a senda peonil e ciclista que enlazará os paseos de Xuvia e Freixeiro, o novo centro de saúde, para o que o Concello aportou case tres millóns de euros, a continuidade da humanización de barrios, e das melloras en accesibilidade… “Queremos e podemos facer isto porque somos de Narón e traballamos só para Narón, porque Terra Galega é Narón e Narón é Terra Galega”, subliñou Marián Ferreiro, que agradeceu o respaldo da veciñanza para continuar transformando a oitava cidade de Galicia.

 

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …