A galería de alcaldes de Narón incorporou o cadro de José Manuel Blanco Suárez

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu na mañá desde luns o acto de incorporación dun novo cadro á Galería de alcaldes do Concello naronés. O exalcalde da cidade José Manuel Blanco, descubriu coa rexedora local o traballo, realizado polo artista luso, afincado en Narón e Fillo adoptivo da cidade desde 2016, Manuel Patinha, que por motivos de axenda non puido asistir á convocatoria.

Blanco, alcalde da cidade entre 2009 e 2017, valorou o traballo realizado nesta ocasión por Patinha e amosou a súa satisfacción por pasar a formar parte da Galería de alcaldes de Narón, ubicada no segundo andar do Concello, co que poden visitala as persoas que o desexen en horario de apertura do Consistorio. Como é tradicional na cidade, os primeiros edís da corporación local contan cun cadro no que se recorda o seu paso polo Concello, e baixo o que se coloca unha placa co seu nome e co período no que exerceron como alcaldes.

Blanco estivo acompañado no acto polos portavoces de Terra Galega, Guillermo Sánchez Fojo; PSOE, Catalina García; BNG, Teresa Sabio; PP, Marcos López, e EU, André Abeledo, así como por outros edís da corporación local.

O do exalcalde naronés José Manuel Blanco é o oitavo cadro desta Galería de alcaldes do Concello. Na galería figuran os exrexedores da cidade dos que constan elementos gráficos. O primeiro exalcalde que figura nesta galería é Bernardo Castro Rodríguez (5 de novembro de 1936 a 27 de xaneiro de 1940); seguido de Manuel Prado Fernández (11 de febreiro de 1942 a 14 de maio de 1943 e 24 de xaneiro de 1947 a 6 de setembro de 1954); Marcial Calvo Hermida (10 de setembro de 1954 a 27 de novembro de 1974): Nemesio Quintía Luaces (27 de novembro de 1974 a 23 de decembro de 1974); Antonio Sánchez Barbís (23 de decembro de 1974 a 16 de abril de 1979); Antonio Martínez Aneiros (19 de abril de 1979 a 13 de decembro de 1985); Xoán Gato Díaz (13 de decembro de 1985 a 20 de xaneiro de 2009). Os sete cadros anteriores ao de José Manuel Blanco realizounos o pintor ferrolán José González Collado.

Lea también

El atrio de San Xulián de Narón lucira una talla del patrono confeccionada en el tronco de un árbol

Nuevamente el artesano de la piedra y la madera, y reconocido muralista Carlos García Romero deja …