Terra Galega mantivo un encontro veciñal no Alto do Castiñeiro

Os actos electorais de Terra Galega continuaron na tarde deste sábado, a partir das 21.00 horas, no local social do Alto do Castiñeiro. A candidata de TEGA á alcaldía da cidade, Marián Ferreiro, estivo acompañada por tres integrantes da súa candidatura desta parroquia naronesa: Pablo Mauriz –número 4-; Mercedes Taibo –número 10- e Marta Otero –número 23-. Os tres integrantes da lista encabezada por Ferreiro ás vindeiras eleccións municipais, coincidiron en destacar o traballo realizado na cidade nos últimos catro anos polo equipo de Terra Galega con Marián Ferreiro á fronte da alcaldía. Con respecto á candidata, subliñaron a súa intensa dedicación á labor que desenvolve no Concello de Narón e tamén o seu compromiso coas veciñas e veciños de Narón, priorizando en todo momento nas decisións propias do seu cargo o benestar dos naroneses e naronesas.

Trala intervención dos seus compañeiros de candidatura tomou a palabra Marián Ferreiro, que agradeceu a asistencia das veciñas e veciños que se achegan aos actos programados por Terra Galega para coñecer de primeira man as súas propostas de cara aos vindeiros catro anos. “Temos un gran equipo de xente de Narón, temos experiencia e temos proxectos ambiciosos para que esta cidade, a oitava de Galicia, continúe avanzando e, o máis importante, viables á hora de poder levalos a cabo”, subliñou Ferreiro.

Actuacións previstas

En canto ás actuacións previstas no Alto do Castiñeiro a candidata explicou que “aos traballos xa realizados en materia de eficiencia enerxética e accesibilidade sumaranse novos investimentos para avanzar no cumprimento dun dos obxectivos do noso programa: Unha cidade máis humana”. Ao respecto Ferreiro asegurou que están pendentes de adxudicar, previsiblemente a vindeira semana, “melloras de accesibilidade nos pasos de peóns da estrada de Castela, nunha primeira fase que comprende dende Xuvia ata a rotonda de Freixeiro”. Nesta mesma área, apuntou, “tamén se actuará nos pasos de peóns da rúa Río Miño, para conectar a estrada de Cedeira coa de Castela, e na rúa da Garda, donde se levará a cabo unha conexión accesible na zona da Finca de Arzúa”.

En materia de eficiencia enerxética asegurou que nos vindeiros catro anos se continuará investindo neste barrio e recordou, “na Finca de Arzúa e noutras zonas do Alto adxudicáronse recentemente obras de eficiencia enerxética valoradas en coxunto en case 290.000 euros, que permitirán dotar de alumeado led preto de medio milleiro de luminarias”.

Ferreiro subliñou, seguindo as liñas do programa de TEGA, que “queremos un Narón para as persoas”. No marco desta área enmárcanse actuacións xa en execución como o novo centro de saúde “para o que o Concello realizou unha aportación económica de 1,8 millóns de euros, cedeu á Xunta unha parcela de 6.000 metros cadrados e acondicionará unha zona de estacionamento para uns 80 vehículos urbanizando o entorno”. A candidata de Terra Galega avanzou tamén que o actual edificio do centro de saúde acondicionarase como centro comunitario para entidades sociais de Narón.

A maiores, avanzou “promoveremos un centro de ensino de educación Infantil e Primaria no Alto” e habilitaremos puntos de reciclaxe de proximidade con cargo ao novo contrato do servizo de recollida de lixo, actualmente en proceso de licitación”.

Vive o Deporte e a Cultura é outra das liñas do noso programa, no que continuaremos traballando. Nos últimos meses reformamos o parque biosaudable da Praza de Galicia, melloramos os elementos de xogo, construímos unha pista multideporte… unhas actuacións que nos vindeiros catro anos complementaremos tamén dando continuidade á descentralización de actividades culturais como cine e espectáculos en espazos públicos”, asegurou.

A maiores, indicou “a Dinamización económica e turística, outro dos eixos do noso programa, será tamén prioritario nos vindeiros catro anos, impulsando o asentamento de novas empresas, apoiando ás que xa traballan na cidade, impulsando o comercio local, ,con gran presencia nesta parroquia e apoiando aos emprendedores con programas e iniciativas encamiñadas a manter esta cidade como motor económico da comarca”.

Na xornada deste domingo a candidata de Terra Galega á alcaldía de Narón, Marián Ferreiro, acudirá a dous actos electorais, un deles ás 12.00 horas no local social de San Mateo, no que estará acompañada por Roberto Naveiras, número 12 da candidatura do partido, e outro pola tarde, ás 19.00 horas, no local social de Doso, ao que tamén acudirá José Gonzalo Niebla, número 19 da candidatura de TEGA.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …