Terra Galega celebrou encontros coa veciñanza en Doso e San Mateo

En Doso

A parroquia de Doso acolleu na tarde deste domingo o segundo dos actos electorais celebrados na xornada por Terra Galega no municipio. A candidata á Alcaldía por este partido, Marián Ferreiro, estivo acompañada por José Gonzalo Niebla, número 19 da candidatura de TEGA para o 26M. Niebla, veciño de Doso, destacou o labor desenvolvido polo equipo de TEGA na cidade e asegurou que “dar o apoio o vindeiro domingo a este partido é consolidar o futuro da nosa cidade e, polo tanto, do rural naronés, no que queda traballo por facer pero onde puidemos ver importantes avances nos últimos catro anos”

Propostas para os vindeiros catro anos

Trala intervención de Niebla foi a candidata de Terra Galega, Marián Ferreiro, a encargada de explicarlles aos veciños e veciñas algunhas das propostas para os vindeiros catro anos. “Unha das liñas do noso programa é a dinamización económica e turística, non só na zona urbana, senón tamén na rural”, destacou, incidindo en que “continuaremos apostando por poñer en valor o noso rural, conscientes do potencial que temos e que queremos conservar nas mellores condicións e dalo a coñecer dentro e fóra de Narón, tal e como fixemos coa sinalización da ruta dos muíños, con audioguías que permiten difundir noutros idiomas a riqueza patrimonial desta cidade, da que Doso forma unha parte moi importante”.

A maiores, aludindo ao citado programa, Ferreiro destacou o apartado “Vive o deporte e a cultura”. “Descentralizamos actividades do Padroado da Cultura e continuaremos impulsando, como fixemos nos últimos anos, unha das celebracións máis enxebres da nosa cidade, a Recreación da Esfolla, unha cita que grazas aos veciños e veciñas desta parroquia nos permite ensinar ás nosas fillas e fillos as tradicións propias da nosa cultura”.

A candidata de Terra Galega incidiu en que “ao igual que no resto da zona rural, Doso será tamén un dos obxectivos sobre os que nos vindeiros catro anos realizaremos unha especial incidencia na continuidade da implantación de servizos como o saneamento, na mellora do alumeado apostando pola tecnoloxía led, na reparación do firme dos camiños e tamén na mellora da limpeza viaria, con máis desbroces ao longo do ano”.

Queremos, como dicimos no noso programa, unha cidade máis humana, un Narón para as persoas, no que tanto as persoas maiores como os mozos e mozas poidan gozar dunha oferta de servizos e de lecer axeitada ás súas idades”, subliñou Ferreiro para rematar o acto electoral na parroquia de Doso.

Acto en San Mateo

A candidata de Terra Galega á alcaldía de Narón, Marián Ferreiro, desprazouse ao mediodía, ás 12.30 horas, á parroquia de San Mateo, para participar nun novo acto electoral organizado polo partido con motivo das eleccións do vindeiro domingo. Nesta convocatoria participou o candidato número 12 de TEGA na cidade, Roberto Naveiras, que destacou o traballo realizado polo equipo de Terra Galega, tanto na zona urbana como na rural, nos últimos catro anos. Naveiras amosou a súa satisfacción “por seguir formando parte deste gran equipo, liderado por Marián Ferreiro e cun comprometido proxecto de futuro para o Narón que todos e todas queremos, deseñándoo e construíndoo xuntos”.

Na súa intervención Ferreiro asegurou que “dende Terra Galega continuaremos traballando nunha das nosas prioridades na zona rural, o servizo de saneamento, que seguiremos implantando tamén en vivendas desta parroquia de San Mateo”. Ao respecto, recordou que actualmente se están executando obras para dotar deste servizo a vivendas da zona da Calliqueira, con cargo a un investimento de 141.000 euros.

Explicoulles aos veciños e veciñas de San Mateo que co novo contrato de recollida de lixo e limpeza viaria, en fase de adxudicación, “incrementaremos os desbroces que se viñan realizando durante o ano na zona rural, porque ese é un dos requisitos que incluímos no prego do novo contrato, a maiores de melloras na recollida do lixo que tamén se levarán a cabo na zona rural, como a implantación de áreas de reciclaxe e os cambios de contenedores”.

Tamén incidiu Ferreiro nas melloras que se levarán a cabo co novo Plan de Transporte Metropolitano, a continuidade dos traballos;  no reforzo de rodadura nos camiños e a substitución das luminarias actuais por outras de tecnoloxía led, e que mesmo, nesta parroquia executarase un proxecto para ampliar o local social.

Nos últimos catro anos, na citada parroquia naronesa “construímos un campo de fútbol 7 e adestramento xunto ao campo municipal e, na área cultural, descentralizamos actividades do Padroado da Cultura, como o Cine de Verán e algúns obradoiros, e tamén da área de Novas Tecnoloxías ofertamos cursos de informática á veciñanza evitando que tivesen que desprazarse á zona urbana”, recordou. En canto á cultura, Ferreiro destacou “o apoio que a veciñanza desta parroquia amosa coas actividades programadas co fin de manter vivas as nosas tradicións, como é o caso do Samaín, unha celebración que ano tras ano reúne a centos de persoas en San Mateo e á que continuaremos respaldando dende o Padroado da Cultura”. » Acondicionamos tamén os vestiarios do campo de fútbol de San Mateo unha actuación que consideramos necesaria para esta parroquia en materia deportiva e que, como tal, se levou a cabo”, recordou.

 

Lea también

La ASCM conmemora el día del libro con un MercaLIBRO solidario

La Asociación Sociocultural ASCM organiza este viernes 19 en el local social de A Gándara …