Terra Galega avanzou algunhas propostas para os vindeiros catro anos para A Solaina

O barrio da Solaina será obxecto nos vindeiros catro anos de importantes actuacións en materia urbanística e tamén contará con novos servizos e instalacións para a veciñanza. A candidata de TEGA á Alcaldía de Narón, Marián Ferreiro avanzou no acto electoral celebrado na noite deste luns no local social de Santa Icía, algunhas das propostas impulsadas dende o partido para acometer no próximo mandato. Ferreiro estivo acompañada por dous integrantes da súa candidatura, Guillermo Sánchez Fojo, veterán no equipo de goberno naronés, e José Oreona, veciño da Solaina que se incorpora á candidatura de TEGA. Ambos coincidiron en destacar a calidade do equipo de Terra Galega e na necesidade de apostar por esta formación “para manter o actual ritmo de crecemento desta oitava cidade de Galicia”

Proxectos máis destacados para a parroquia

A candidata á Alcaldía, Marián Ferreiro, encargouse de avanzar algúns dos proxectos máis destacados para esta parroquia de Narón. “Queremos traballar, tal e como se recolle no noso programa, para que Narón sexa cada vez unha Cidade máis humana”. Seguindo este eixo programático de TEGA para os vindeiros catro anos, Ferreiro explicou que “para este barrio temos xa previsto un completo programa de humanización co que actuaremos nas rúas Lugo, Ourense e Pontevedra”.

Os traballos previstos consistirán, tal e como explicou, “en incrementar os espazos destinados ás beirarrúas, que pasarán a ser de lousas de pedra e ser máis anchas que na actualidade, e tamén implicarán melloras no mobiliario urbán, manténdose ao mesmo tempo o ancho dos viais destinados á circulación rodada e creando un amplo espazo para os peóns”.

“Neste barrio tamén estamos acondicionando un estacionamento disuasorio que contará con algo máis de setenta prazas”, recordou.

As actuacións previstas, subliñou Ferreiro “permitirán dar un cambio radical a este barrio, en materia de accesibilidade, humanización e tamén unha renovada imaxe acorde cos actuais tempos, xa que se trata dunha zona residencial iniciada na década dos sesenta e que precisa destas melloras”.

Outro dos proxectos de Terra Galega na Solaina é unha importante remodelación da Praza da Constitución, tamén das primeiras que se habilitaron na cidade, a medida que aumentaba a construción de vivendas no barrio. “O noso proxecto aposta por unha praza na que poidamos ver moitos máis espazos verdes e na que renovaremos as zonas reservadas para os xogos infantís e tamén os elementos biosaudables, ao tempo que a dotaremos de elementos de descanso máis cómodos para as veciñas e veciños”, avanzou Marián Ferreiro.

Outro dos eixos do programa de Terra Galega, “Narón para as persoas”, tamén levará á Solaina iniciativas como a ampliación da programación de actividades nos Centros Comunitarios Integrados e na ludoteca e Axencia de lectura municipais deste barrio. E no que respecta á liña “Viva o deporte e a cultura”, tamén do programa desta formación, continuarase coa descentralización de actividades programadas dende o Concello e o Padroado da Cultura, desenvolvendo novas propostas de lecer destinadas a persoas de tódalas idades.

Os sectores hostaleiro e comercial, moi presentes no barrio da Solaina, continuarán recibindo o respaldo do equipo de TEGA co fin de apostar por outro dos eixos do seu programa para os vindeiros catro anos: “A dinamización económica e turística”.

O feito neste último mandato

“Neste último mandato construímos un novo parque infantil neste barrio, un parque canino, recentemente abriuse á cidadanía un circuíto de pump truck… iniciamos unha serie de melloras que co respaldo ao noso programa terán continuidade nos vindeiros catro anos”, recalcou Ferreiro.

O local social da Gándara acollerá hoxe , mercores, ás 21.00 horas, un novo acto electoral de Terra Galega, no que intervirá a candidata á Alcaldía, Marián Ferreiro, e tamén estarán presentes, en representación desta parroquia da cidade, Eva Romero, Lucía González, Román Romero e José Manuel Blanco, integrantes da candidatura liderada por Ferreiro.

 

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …