Mato considera prioritario elaborar un plan estratéxico de política social

Ángel Mato presentando las medidas | Adán Puentes

Para definir, optimizar e loitar con todas as ferramentas ao alcance para acadar o noso obxectivo en materia social, que non é outro que o de garantir a toda a cidadanía unhas condicións de vida dignas, para o PSOE de Ferrol resulta fundamental elaborar e poñer en marcha un Plan Estratéxico de Política Social.

E este é o primeiro obxectivo de goberno nesta área que se marcou o socialista Ángel Mato, que presentou o seu programa nun encontro específico aos representantes de entidades do terceiro sector da cidade, ás que integrou nese plan como pezas clave á hora da súa realización e posterior execución.

De forma paralela, Mato propuxo a creación dunha Mesa Social, da que emanen mesas sectoriais, para traballar de forma coordinada e, así, «unir sinerxias, optimizar os recursos ao noso alcance e evitar a duplicidade de servizos«.

A posta en marcha de programas de alfabetización e de inserción social, así como plans de prevención para a infancia para, desta forma, evitar a exclusión e a perpetuación da pobreza, son outras das iniciativas que contempla o PSdeG-PSOE no seu programa, «que tamén inclúe manter e mellorar, se é posible, as axudas a entidades sociais a través de programas e concertos que desenvolvan políticas activas, e axilizar a administración para facilitar a tramitación de documentación, axudas e subvencións«.

Mato abordou a necesidade de desenvolver políticas dirixidas ás persoas maiores e, neste eido, apostou por poñer en marcha un servizo de acompañamento no rural, e pola posta en funcionamento dunha residencia e centro de día no edificio da Politécnica de Serantes que, como lembrou, «quedará baleiro despois da decisión da Universidade da Coruña de intregar todo o campus en Esteiro«.

A este respecto, o candidato socialista defendeu esta opción fronte a que defende o Partido Popular de Rey Varela, a de O Boial, «posto que en Serantes conta xusto fronte ao inmoble cun centro de saúde e unha parada de bus, ademais de ter xa a edificación construida e de situarse máis próxima ao casco urbano de Ferrol«.

Fomentar servizos polivalentes para a axuda no fogar, atención á dependencia, banco de tempo e bancos solidarios, ademais de mellorar e incrementar paulatinamente os recursos humanos dos servizos sociais municipais son outros compromisos que trasladou Mato aos representantes do terceiro sector que se deron cita no encontro.

O candidato lembrou que os servizos sociais son peza clave na concepción socialista da sociedade e do chamado estado do benestar e, de feito, destacou que a blindaxe destas políticas para acceder a todos os recursos debe quedar fóra do debate e de aí que forme parte deses «10 acordos de cidade» que o propio Mato presentou hai un par de semanas para garantir o consenso políticos en dez asuntos estratéxicos para Ferrol.

Lea también

Sale a licitación en Ferrol la mejora del firme de varios caminos del POS+

La plataforma de Contratación del Sector público recoge este jueves 25 la licitación del aglomerado …