Iván Rivas: «Se o que queren para o futuro de Ferrol é unha alternativa diferente, o BNG é a súa opción»

Inicio do acto no Teatro Jofre | Adán Puentes

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol organizou hoxe o seu acto público central da campaña, que tivo lugar ás 20:15 horas no Teatro Jofre. No acto interviron a candidata nº2, María do Mar López, a candidata ao Parlameto Europeo, Ana Miranda, a voceira nacional Ana Pontón e o candidato á alcaldía, Iván Rivas.

O voceiro do BNG de Ferrol dirixiuse na súa intervención aos veciños e veciñas de Ferrol apelando a que reflexionasen sobre as posibilidades que se abren na cidade tras os comicios do vindeiro domingo. “O que lles quixera propoñer aos que me escoitan é que reflexionen sobre que é o que lles poden ofrecer os diferentes candidatos e candidatas que se presentan a estas eleccións municipais; que lles poden ofrecer que non tivesen experimentado xa”, apuntou Rivas.

O voceiro incidiu en que o BNG representa a única alternativa que supón un cambio real para a cidade. “Eu propóñovos un camiño diferente, no que rematemos cos abusos e os privilexios”, sostivo Rivas. “Nunca dixen que fose fácil. Este 26 M, Ferrol, tedes dúas opcións: un goberno continuador das experiencias do pasado (…) ou novos camiños que está a abrir o BNG xunto á veciñanza, que implicarán unha ruptura con todo anterior encarando o futuro con determinación”, engadiu.

E o certo é que Ferrol é unha cidade que leva tanto tempo sobrevivindo rodeada por muros que moitas veces somos incapaces de velos a pesar de telos diante dos ollos e que nos están a impedir ver o futuro. Muros físicos e muros mentais”, explicou o candidato á alcaldía. “Muros físicos como a muralla do Arsenal que divide a cidade en dous. Pero tamén muros mentais, porque en Ferrol non somos todos iguais, administracións públicas como o Mº de Defensa, a Autoridade Portuaria ou Navantia non pagan os tributos que pagamos os demais. As transnacionais enchen o seu bandullo cos nosos cartos xestionando os servizos básicos privatizados como o auga ou o lixo e o resto do noso aforro vai directo aos bancos mentres a cidade se cae”, remarcou o voceiro do BNG de Ferrol.

O candidato á alcaldía rematou a súa intervención apelando á veciñanza a confiar no BNG. “ Se o que queren para o futuro desta cidade é unha alternativa totalmente diferente que enfronte os problemas con determinación, o BNG é a súa opción. A súa única opción”, sentenciou.

Pola súa banda, portavoz nacional, Ana Pontón, apelou a concentrar todo o voto de país e inconformista na candidatura de Rivas, a única que garante un cambio real na cidade cun proxecto de ideas claras para mellorar a vida da veciñanza e poñer o concello ao servizo da maioría social. “É a opción de cambio real porque temos un equipo e candidato preparado, un proxecto serio, solvente, unido e coa man tendida para transformar esta cidade a favor das persoas. Por iso, pido concentrar todo o voto de país e todo o voto inconformista no BNG, para abrir un novo rumbo nesta cidade e mirar cara o futuro con ilusión, porque sabemos que outro Ferrol é posible e queremos empezar a construílo a partir do 26M”, destacou.

Pontón declarouse convencida de que a veciñanza non vai optar por un PP que só ofrece “receitas fracasadas”, por un PSOE que só mira cara Madrid, -“o vello bipartidismo que se alterna na discriminación a Ferrol”, alegou-, nin tampouco se vai resignar á repetir a decepción dos que prometeron cambialo todo e nin foron capaces de xestionar con eficacia o día a día.

Por contra, o Bloque representa unha alternativa de transformación real. “Rivas ten a decisión para facer o que outros non souberon ou nin se atreveron: para que o Ministerio de Defensa deixe de actuar como un señor feudal e pague os impostos que lle corresponden ao concello, para sacar adiante a peatonalización integral do Barrio da Magdalena, para defender a veciñanza dos abusos na prestación de servizos básicos para beneficio de multinacionais”, argumentou.

Tras o 26M, concluíu Pontón, o Bloque “vai ser determinante e terá a forza necesaria para abrir un cambio real na cidade, para que Ferrol recupere a ilusión e a esperanza no futuro da man do BNG con proxecto, con equipo e con liderado”.

Pola súa parte, a candidata nas eleccións europeas, Ana Miranda, destacou a importancia de ter en Bruxelas “unha voz nacionalista” que dea a cara por Ferrolterra e evitar que quede no ostracismo o que a condenan as forzas estatais tamén na Eurocámara.

En defensa da construción naval, do saneamento integral das rías, pero tamén para facilitar a interlocución directa dos concellos da comarca nas institucións comunitarias, e para condicionar en positivo a repercusión da PAC nos municipios con territorio rural. A loita contra os efectos do cambio climático, contra os incendios e as súas consecuencias serán tamén obxecto do traballo político na UE.

Miranda fixo especial fincapé en que a recuperación integral das rías en Ferrol, Ares, Cabana volverán ser un cabalo de batalla para o Bloque no Parlamento europeo da man dun BNG “que demostrou todos estes anos que é unha forza fiable e eficaz na defensa de Galiza fronte ao desleixo das forzas estatais”. “Sen o BNG na Eurocámara, Galiza desaparece, Ferrolterra desaparece da axenda política de Bruxelas, alí onde se toman decisións que nos afectan directamente. Por iso pido o voto para o Bloque para este país volva ter un escano do pobo galego aínda con máis forza tras o 26M”, concluíu.

Lea también

Gran brillantez en el acto de entrega de los premios «ártabros-2023-24» de Galicia Ártabra

En una brillante jornada, con “abarrote total” en la tarde del sábado, día 20 de abril …